Pontevedra xa ten oficialmente a primeira muller comisaria da Policía Nacional de Galicia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Estíbaliz Palma Varona é xa oficialmente a primeira muller en dirixir a Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía de Pontevedra. O seu nomeamento realizouse xa en setembro e leva dúas semanas poñéndose ao día do funcionamento deste Corpo policial na provincia, pero ata este mércores non tomou posesión de forma oficial. Fíxoo nun acto na Subdelegación do Goberno en Pontevedra no que saíu a relucir que non só é a primeira muller en exercer este cargo na provincia, senón que é a primeira en toda Galicia.
A nova comisaria pronunciou un primeiro discurso cheo de chiscadelas a Pontevedra e a Galicia e, tras recoñecer o seu nerviosismo por tan importante momento, desfíxose en eloxios cara a todo o persoal das catro comisarías da provincia, para os mandos policiais e para os seus antecesores, que fixeron un "máis que notable" traballo e lograron que, como todos as provincias galegas, Pontevedra teña unha taxa de criminalidade por baixo da media nacional e cifras especialmente destacadas na taxa de eficacia policial.
Pontevedra ten unha taxa de eficacia policial -que mide a proporción de delitos esclarecidos fronte aos labores- con cifras que "hasta doblan las de provincias de otras comunidades autónomas" destacou Estíbaliz Palma que no seu discurso mesmo chanceou dicindo que "solo queda encomendarme a la Peregrina para que los resultados sigan siendo buenos". Encara esta nova etapa "aspirando siempre a la mejora continua".
Entre os retos principais que se marca a nova comisaria destaca a atención ás vítimas, citando en especial catro colectivos: as mulleres que sofren violencia machista, os menores, os maiores e as persoas que teñan algunha discapacidade. A eles dirixirá a maior parte dos esforzos e pediralle a máxima implicación a todo o persoal.
A responsable policial destacou que "la faceta humanitaria a veces pasa a un segundo lugar ante la inminencia de las detenciones y del mundo criminal" e que baixo a súa dirección non permitirá que pase. Aínda que anticipa "contundencia" ante os delincuentes, centrarase en atender ás vítimas.
Respecto diso, e en declaracións aos medios ao termo do acto, explicou que o crime organizado é "muy preocupante" porque move moitos medios, son moi violentos e adoita ter detrás un importante delito de branqueo de capitais, pero que xa hai grupos especializados tanto en Pontevedra -o GRECO- como en Madrid que se centran en investigalo e en facerlle fronte, de modo que o labor fundamental do resto do persoal serán os cidadáns de Pontevedra.
Ademais de atender ás vítimas, prestarán especial atención á seguridade en xeral, a delitos que afectan directamente á vida do cidadán como os furtos, os roubos con violencia ou os roubos en vivendas, así como á violencia sobre as mulleres, pois "eso es lo que preocupa al ciudadano de Pontevedra".
A pesar de que tan só leva dúas semanas na Comisaría, Estíbaliz Palma é consciente da gravidade da desaparición de Sonia Iglesias e de que o seu caso siga sen resolver e, segundo explicou, o equipo específico que se dedica a esta investigación segue traballando e a pasada semana desprazouse un equipo desde Madrid que segue "sacando hilos da madeja". Palma está convencida de que ela lles vai a traer "suerte y energía positiva".
O acto de toma de posesión contou este mércores coa presenza dun nutrido grupo de autoridades e responsables policiais e militares e estivo presidida pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, así como polo xefe superior de Policía de Galicia, Manuel Vázquez; o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ou os responsables da Garda Civil, o coronel Jorge González; a Brilat, o xeneral Antonio Romero; e a Escola Naval Militar de Marín.
A subdelegada do Goberno destacou que Pontevedra está "a la vanguardia en cuanto al reconocimiento de la mujer como una pieza clave en el engranaje de nuestra sociedad" e ten desde fai tres anos unha presidenta da Deputación, Carmela Silva, desde hai dous anos, unha subdelegada do Goberno -dous en realidade, primeiro Ana Ortiz e agora Maica Larriba- e agora tamén unha comisaria.
Á nova comisaria, pediulle, como xa fixo nunha recepción privada que mantiveron, un "plus de esfuero y compromiso" para a sensibilización e loita da Policía Nacional contra as violencias machistas. Aínda que xa coñece a implicación de todos os policías a este respecto, insiste en que "nunca es suficiente" para reducir o número de asasinadas por parte das súas parellas e ex parellas e en que "nuestras calles, nuestros parques y nuestras plazas tienen que ser lugares seguros para las mujeres", de aí a súa petición de "máxima implicación" .
Nunha chiscadela a unha terra galega na que veranea e da que non escatima en palabras fermosas, Estíbaliz Palma terminou o seu primeiro discurso oficial citando a Rosalía de Castro: "Cual si en suelo extranjero me hallase / tímida y hosca, contemplo / desde lejos los bosques y alturas / y los floridos senderos / donde en cada rincón me aguardaba / la esperanza sonriendo".
Relacionadas:
-
Carmela Silva e Fernández Lores entenden que o cese de Estíbaliz Palma era "absolutamente obrigado"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Policía cesa á comisaria provincial por dicir: "Ya les gustaría a algunas que las violara un UIP"
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A comisaria de Pontevedra, nun programa para o liderado das mulleres nas Forzas de Seguridade
Por Redacción |
-
Ano de fitos na Policía Nacional e a Brilat: primeira comisaria e misión de 800 militares en Mali e Líbano
Por Natalia Puga |
-
"A min preocúpame o cidadán de Pontevedra, o seu roubo en vivenda, que non lle saquen a navalla na rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Pontevedra 'tirará das orellas' ao ámbito xudicial con motivo do 25-N
Por Alejandro Espiño |
-
Estíbaliz Palma ten a primeira toma de contacto como nova responsable da Comisaría de Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Estíbaliz Palma, primeira muller comisaria da Policía Nacional en Pontevedra
Por Natalia Puga |