Isabel Varela, premio 8 de Marzo de UXT: "Non só me honra min, honra a todas as mulleres"
Por Manu Otero
A responsable dunha plantación vitivinícola en Meaño, Isabel Varela Rodríguez, recibiu este luns o premio 8 de Marzo que cada ano, coincidindo coa conmemoración do Día da Muller, entrega a agrupación de Pontevedra do sindicato UXT.
A homenaxeada recibiu o galardón de mans da secretaria de igualdade, Cati Cochón, quen quixo poñer en valor a importancia que ten este tipo de premios para as mulleres.
No seu discurso, Varela quixo dar as grazas a UXT e Unións Agrarias por destacar o seu labor e sostén que se trata dun recoñecemento que "non só me honra a mín, senón a todas as mulleres traballadoras". Neste sentido, quixo destacar a dureza do traballo no campo e da viticultura en particular. "É un traballo constante durante todo o ano que se ve recompensado logo coa vendima", declarou.
O encargado de presentar á homenaxeada foi o secretario comarcal de UXT, Ramón Vidal, quen lembrou que esta data é fundamental para "facer fincapé para conseguir a igualdade no ámbito laboral".
Isabel Varela Gómez, unha muller encargada dunha explotación vitícola de Meaño. Unións Agrarias propuxo a súa candidatura destacando a súa decisión e dignidade dentro do sector primario.
A súa traxectoria profesional iniciouse a través do seu sogro, propietario dunhas viñas. Aprendeu a traballalas e mostrou interese neste oficio, de tal forma que co paso dos anos puxo en marcha a súa propia explotación familiar que foi crecendo ata alcanzar as catro hectáreas que forman parte desta extensión de viñedos. Este negocio naceu no ano 2012 e xa consolidou a súa produción dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Relacionadas:
-
CCOO e UGT pedirán solucións este 1º de Maio: "o valor dos cartos cada vez é menor"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
8M | O paro feminino en Pontevedra é o terceiro máis alto das cidades galegas
Por Manu Otero |
-
Isabel Varela Gómez, viticultora en Meaño, recibirá o Premio 8 de Marzo da unión comarcal de UGT
Por Redacción |
-
"Os salarios de miseria e a sobrecarga de traballo" levan á folga ás traballadoras das residencias de maiores privadas
Por Oskar Viéitez |