CCOO e UGT pedirán solucións este 1º de Maio: "o valor dos cartos cada vez é menor"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
"Quen tiña 1.000, agora ten 900", así de gráfico é o exemplo que utiliza Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, para denunciar como está a afectar a crise ao poder adquisitivo da poboación en Galicia. Asegura que "o valor dos cartos cada vez é menor" e para denunciar esta situación, este domingo convocan unha nova manifestación que os sindicatos UGT e CCOO con motivo do Día Internacional do Traballo, o 1 de maio. Alí reclamarán solucións que pasan pola subida de salarios, conter o incremento dos prezos e fomentar a igualdade.
Xosé Luís García Pedrosa, secretario de organización de CCOO, durante a presentación da manifestación alertaba de que as clases populares son as que están a pagar a crise porque a patronal "quere consolidar a perda de poder adquisitivo". Lembrou que o incremento do Índice de Prezos de Consumo (IPC) sitúase no 10'5% en Galicia, "un incremento insostible", argumentou advertindo das dificultades que atravesan as familias que ven obrigadas a apagar a calefacción e a "pasalas canutas" para chegar a fin de mes.
Ramón Vidal tamén insistiu no aumento continuo de familias que se atopan en risco de exclusión social e demanda á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que adopten medidas para que "os que teñen máis, contribúan máis".
García Pedrosa: "non temos marxe de baixada dos impostos"
García Pedrosa mostrou o rexeitamento tamén por parte destes dous sindicatos á proposta do Partido Popular que Núñez Feijóo trasladou ao Goberno de Pedro Sánchez para acometer unha baixada xeral de impostos. "Non temos marxe de baixada", indicou o representante de CCOO ao lembrar que os impostos medios en España están por baixo dos establecidos na Unión Europea. Ambos os dirixentes apuntaron que non pode haber "menos recursos" para áreas como a sanidade pública, o ensino ou a dependencia.
Expoñen a necesidade dunha cláusula de revisión salarial nos convenios e afirman que as empresas nas negociacións non teñen "vontade de revisión" dos salarios que, como consecuencia, deriva nun empobrecemento dos traballadores. Ante esta situación, os dous sindicatos piden unha participación masiva da cidadanía na manifestación do domingo como fórmula para provocar cambios nas decisións dos gobernos. A marcha comezará o domingo ás 12.00 horas na praza da Ferrería para rematar diante da Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
1 de maio | Subir salarios e conter prezos, a 'receita' de UXT e CC.OO contra a crise
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Isabel Varela, premio 8 de Marzo de UXT: "Non só me honra min, honra a todas as mulleres"
Por Manu Otero |
-
“Que esta pandemia non sirva para minorar os dereitos dos traballadores, senón para dignificalos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |