Un coloquio de mulleres traballadoras para conmemorar o 8M en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas tamén se une, un ano máis, a conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. Para iso celebrarán un acto no que reunirán cinco mulleres do municipio que contarán a súa experiencia como traballadoras á fronte dun negocio.
En 'Verbas de muller', que así se chama a charla, estas veteranas no mundo laboral centrarán os relatos nas súas experiencias de vida, a conciliación da vida familiar e laboral e o relevo xeneracional nos seus negocios. A conversa estará guiada pola concelleira Leticia Rocha.
O acto celebrarase o mesmo Día da Muller, o martes 8 de marzo a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura de Ponte Caldelas, onde terán voz estas cinco mulleres que levan toda unha vida á fronte dos seus negocios.
Unha é taxista e xa superou a idade de xubilación, outra é farmacéutica, outra é a responsable dun ultramarinos do rural, outra é perruqueira e outra propietaria e dependenta dunha tenda de moda, e conversarán sobre as súas experiencias sobre igualdade, a loita de xénero ou as barreiras que tiveron ou aínda teñen que superar as mulleres.
O acto contará cunha actuación musical da cantautora galega MJ Pérez e ó finalizar o acto haberá un pincho de confraternidade.