O Rotary Club recoñece o campus de Pontevedra co premio ‘Servir 2022’
Por Redacción
Dirixido a pór en valor as entidades, asociacións e empresas cuxo labor redunda en beneficio da cidade, o premio ‘Servir’ do Rotary Club de Pontevedra será outorgado neste 2022 ao campus de Pontevedra, informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI).
Este anuncio realizouno este xoves o presidente dos rotarios pontevedreses, Carlos Alonso, na rolda de prensa que tivo lugar na sede da Vicerreitoría e na que destacou que o campus "é hoxe por hoxe un dos piares fundamentais da cidade".
Na XXII edición deste galardón, o Rotary Club decidiu por unanimidade seleccionar ao campus de Pontevedra e á súa Vicerreitoría, explicou, polas súas iniciativas a prol da cultura e do medio ambiente, a súa defensa dos valores sociais e a aposta pola xuventude, a formación e o coñecemento.
Entre as accións valoradas polo Rotary Club "como fundamentais para ser merecedor deste premio", Alonso aludiu ao proxecto de especialización Campus Crea, que destacou como unha iniciativa "pioneira en España" que está a ser "replicada noutras universidades"; o programa Green Campus, "a maior aposta polo medio ambiente e a sostibilidade que pode ter calquera cidade"; ou as diferentes iniciativas dirixidas á cidadanía que promove a Vicerreitoría, "como obradoiros, cursos de extensión e innumerables actividades culturais". Sinalou tamén a "actividade investigadora, recoñecida no ámbito estatal" que se desenvolve no campus, así como a súa colaboración con diferentes entidades e asociacións, entre as que lembrou a "participación activa" da Vicerreitoría nas iniciativas do propio Rotary Club.
"Agradecemos o premio emocionados", recoñeceu o vicerreitor do campus, Jorge Soto, tras facerse público o fallo deste galardón, nun acto que tamén participaron a secretaria do Rotary Club de Pontevedra, Mariola Ramírez, e o integrante da súa xunta directiva Arturo Ramírez.
Soto sinalou que "non pode haber regalo máis auténtico" que ser recoñecido por un colectivo de persoas "que practican día a día ese humanismo do que moitas veces estamos tan distantes", sumándose a unha relación de premiados, "que son historia viva” da cidade, como o Pontevedra CF, a SD Teucro, o Museo de Pontevedra ou a Denominación de Orixe Rías Baixas".
A entrega deste galardón terá lugar no acto que esta organización levará a cabo o 1 de abril no Hotel Galicia Palace.
Relacionadas:
-
Portas abertas para que os futuros estudantes coñezan o campus pontevedrés
Por Redacción |
-
'Espazo sen fume', Pontevedra disporá do primeiro campus libre de tabaco
Por Raquel Currás Martínez |
-
O primeiro campus universitario de Galicia libre do fume do tabaco é o de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Rotary Club de Pontevedra recada fondos para os damnificados pola guerra en Ucraína
Por Redacción |
-
Actividades para fomentar a creatividade e innovación universitaria
Por Raquel Currás Martínez |
-
A SD Teucro e a Asociación de Déficit de Atención e Hiperactividade, premiados polo Rotary Club
Por Redacción |