Actividades para fomentar a creatividade e innovación universitaria
Este xoves 17 de marzo o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, reuniuse co presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa na Casa das Campás para presentar a serie de actividades que as dúas entidades promoverán conxuntamente en Pontevedra ao longo do ano 2022. A súa finalidade é impulsar o campus CREA facendo fincapé na investigación e a docencia.
Por segundo ano, o Consello Social aporta financiamento e organización a estas solicitudes. De acordo coas afirmacións de Ernesto Pedrosa, desde o Campus "plantean cada vez actividades más atractivas" que se encadran dentro das prioridades do Consello de apoio ao alumnado e proxección da universidade na sociedade.
Na programación introduciron a Semana da Creatividade e a Innovación, que se celebrará do 18 ao 22 de abril, co obxectivo de fomentar estas aptitudes e a participación do alumnado mediante un ciclo de conferencias e obradoiros sobre o ámbito do emprendemento e a sostibilidade.
Ademais, celebrarase a segunda edición dos Premios Campus CREA Creatividade e Innovación para membros da comunidade universitaria de diferentes sectores de coñecemento. Os galardóns consisten nun vale de 1.500 euros para o primeiro posto, 1.000 euros para o segundo e 500 euros para o terceiro.
Durante os meses de marzo e abril, tamén terán lugar as Xornadas Universidade-Empresa nas instalacións da Vicerreitoría. A través deste evento, as empresas da contorna e grupos de investigación da Universidade terán a oportunidade de realizar colaboracións nas áreas da publicidade, a creación e a comunicación e no medio ambiente e natureza. Segundo comentou Jorge Soto, as compañías pontevedresas están desexando ver que se fai no campus.
'TALENTO, SUPERACIÓN E DESAFÍOS'
Outra iniciativa programada para o curso é a de 'Talento, Superación e Desafíos', pola que se busca reunir a persoas de diferentes ámbitos que sirvan como modelo de referencia a novos talentos para estimular á mocidade emprendedora. A pesar de ser unha actividade centrada nos estudantes, estará aberta a toda a cidadanía.
Por outra parte, levarase a cabo un ciclo de sesións formativas con propostas empresariais que teñen o obxectivo de innovar dentro dos oficios tradicionais artesáns, como a cestería ou a olaría. As persoas asistentes poderán informarse da man de expertos sobre estes temas.
Por último, no mes de novembro, realizaranse as IV Xornadas de Investigación CREA na Escola de Enxeñeiros Forestais mediante as cales o alumnado doutorando do Campus de Pontevedra terá a posibilidade de expoñer o seu traballo de investigación e defendelo fronte a un público.
Pedrosa aproveitou a ocasión para felicitar ao Campus de Pontevedra por gañar o premio Servir grazas á súa labor social. O Rotary Club outorgaralles o galardón nun acto que terá lugar 1 de abril no hotel Galicia Palace.
Relacionadas:
-
Oito premios para pór en valor a creatividade e capacidade de innovación do alumnado
Por Redacción |
-
Concurso de fotografía en Instagram na Semana da Creatividade e da Innovación do campus
Por Redacción |
-
Encontros, obradoiros e xornadas formativas para impulsar o Campus Crea
Por Redacción |
-
A Aula de Música Tradicional do campus actuará na Ferrería co grupo de gaitas Os Melidaos
Por Redacción |
-
O Rotary Club recoñece o campus de Pontevedra co premio ‘Servir 2022’
Por Redacción |