Deputados nacionais do PP reclaman ao Goberno desde Pontevedra que amplíe os beneficios fiscais do Xacobeo ata 2023
Por Redacción
Deputados e senadores do PP de Pontevedra compareceron este sábado en Pontevedra, no albergue de peregrinos Virxe do Camiño, para reclamar ao Goberno central que tramite de xeito urxente a ampliación dos beneficios fiscais do Xacobeo 2021-2022 ata finais do ano 2023.
Os cargos do PP sosteñen que é unha medida que permitiría seguir potenciando a colaboración público-privada tan necesaria e que tan bos resultados está dando, e que tería unha importante repercusión na recuperación das empresas e autónomos vinculados aos sectores do turismo, da hostalería, da cultura ou do deporte, sectores moi prexudicados pola pandemia.
A deputada Ana Pastor lembrou que desde que se anunciou a ampliación do ano Xacobeo tamén ao ano 2022 xa reclamaron ao Goberno central que tamén ampliasen estas exencións, primeiro a través dunha emenda aos orzamentos xerais do Estado que foi bloqueada polos socialistas, e agora a través dunha emenda ao proxecto de Lei pola que se modifican a Lei 38/1992 de impostos especiais, a Lei 3 de 28 de decembro, do imposto sobre valor engadido e a Lei 9/2011, de taxas consulares, que se está tramitado no Congreso.
Ana Pastor sostén que esa emenda debe tramitarse de forma urxente e debe ser atendida, pois trátase de "reivindicacións xustas de Galicia". "Non queremos un trato diferente, estamos reclamando un trato igualitario e xusto, que xa se aprobou para outros eventos similares", defende a deputada.
Na súa intervención puxo como exemplos as ampliacións que se aprobaron para o Ano Xubilar Lebaniego en Cantabria; Ano Xubilar en Caravaca da Cruz, ou 200 aniversario do Paseo de Gracia, entre outros. "É importante para Galicia, para o propio Xacobeo, para o camiño, para o turismo e, especialmente, para xerar emprego e riqueza, que haxa ese retorno que precisan moitos empresarios para poder inverter", mantén.
O deputado Javier Bas, ponente da proposta dos populares no Congreso, defendeu que as exencións fiscais tiveron unha gran aceptación no primeiro ano do Xacobeo, xa que permitiron incorporar máis de 20 millóns de euros á promoción do evento, cunhas consecuencias moi positivas na reactivación económicas que son evidentes.
Ademais de Pastor e Javier Bas tamén compareceron Diego Gago e Pilar Rojo.
Relacionadas:
-
36 municipios da provincia van repartirse 5 millóns de euros do Plan de Recuperación para destinar a comercio e turismo
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Goberno apoiará con 2,1 millóns de euros a transformación do Camiño do Mar de Arousa nun destino turístico de referencia
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra é a primeira parada da mostra itinerante "Carteis para un Camiño"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Macroverbena no Recinto Feiral para festexar o Xacobeo
Por Redacción |