Pontevedra é a primeira parada da mostra itinerante "Carteis para un Camiño"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
A Avenida de Montero Ríos, na cidade de Pontevedra, acolle dende este martes a exposición "Carteis para un Camiño. 100 anos de ilustración Xacobea". A Boa Vila é a primeira parada desta mostra itinerante que chegará a outras nove localidades españolas doutras tantas comunidades.
A exposición recompila reproducións de carteis, folletos e programas de festas do século XX para coñecer as tradicións que conflúen no Camiño e a iconografía xacobea neste período.
Na inauguración desta exposición participaron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura e Deporte, Adriana Moscoso del Prado Hernández.
Alfonso Rueda destacou a importancia da colaboración entre o Goberno central e as comunidades para a difusión do Camiño de Santiago e a promoción do Xacobeo 21-22 debido ao potencial das rutas xacobeas como reclamo turístico e do Ano Santo como fenómeno recoñecido a nivel internacional que constituirá o motor da recuperación do sector turístico.
A mostra poderá visitarse en Pontevedra ata o 30 de outubro e logo pasará por Tineo (Asturias), Laredo (Cantabria), Sangüesa (Navarra), Jaca (Aragón), León (Castela e León), Mérida (Estremadura), Sevilla (Andalucía), Cuenca (Castela-A Mancha), e Nájera (A Rioxa).
Alfonso Rueda destacou a necesidade de retomar a actividade do Consejo Jacobeo, no que están representadas o Goberno central e as comunidades, para continuar coa recuperación do sector turístico trala pandemia a través da difusión do Camiño e do Xacobeo 21-22.
Nesta liña, sinalou que o traballo feito desde a Xunta para reforzar Galicia como destino seguro cun Camiño seguro permitiu superar as expectativas e recibir xa onte ao peregrino 140.000 con Compostela selada, cando esa era a cifra coa que estaba previsto pechar este ano.
Por iso, engadiu que as previsións son positivas de cara o que queda por diante deste Ano Santo dobre coa chegada de máis turistas e peregrinos de todo o mundo a medida que se vaia recuperando a mobilidade e co despegue do turismo internacional.