Os clubs, a hostalería e o comercio de Caldas implícanse na programación de actividades deportivas e de lecer
Por Redacción
O concelleiro de Deportes, Jacobo Pérez, acompañado de diversos representantes de clubs deportivos e das asociacións de hostalería e comercio Caldas, presentou este venres o avance da programación anual de eventos, actividades deportivas e de lecer alternativo que se está a elaborar grazas á iniciativa e a participación de diferentes entidades.
A programación distribúese ao longo do ano coa intención de facilitar a desestacionalización na ocupación hostaleira en Caldas, polo que as principais actividades realízanse fóra dos meses centrais do verán que xa teñen unhas boas previsións de ocupación turística.
Entre as principais actividades destacan as promovidas polo Club Acuático Umia na piscina municipal con motivo do seu 25 aniversario: o Campionato infantil de Salvamento e Socorrismo de Galicia, os días 12 e 13 de marzo, e o Campionato de España infantil e cadete, os días 23 e 24 de abril.
O C. F. Caldas e o Concello promoven o torneo internacional de fútbol "Caldas Vila Termal" que terá lugar os días 16 e 17 de abril, no que están invitados equipos de Francia e Portugal; no mes de agosto recuperarase a celebración do Interparroquial de fútbol.
O Club Roli promove os días 10 e 11 de xuño unha "Convivencia Nacional de Artes Marciais" que atraerá a Caldas deportistas desta disciplina de Andalucía, Asturias e Cantabria.
Tamén están previstas ao longo do ano a realización de diversas camiñadas pola natureza e tamén a organización de xogos populares, actividades de escalada, BTT, paintball, airsoft, deportes de aventura e lecer alternativo. E para o 17 de maio está a traballarse na organización do "Día do deporte caldense" e para o 16 de decembro a realización da segunda edición da "Gala do deporte caldense".
Jacobo Pérez destaca "o compromiso do Concello por apoiar e traballar coordinadamente coas asociacións deportivas e as de hostalería e comercio para atraer máis visitantes a Caldas máis aló do verán e, ao mesmo tempo, ofrecer novas alternativas de lecer alternativo e saudable".
Relacionadas:
-
40.000 euros para reformar e acondicionar os centros do Colexio Rural Agrupado de Caldas
Por Redacción |
-
Entrega de 175 composteiros domésticos en seis parroquias de Caldas
Por Redacción |
-
Esixen a Sanidade máis persoal para o Centro de Saúde de Caldas ante o aumento da demanda asistencial
Por Redacción |