Sete novos composteiros comunitarios para celebrar o Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2 en Pontevedra
Por Manu Otero
O 28 de xaneiro é o Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2 e en Pontevedra celebrarano co inicio da construción de sete novos centros de compostaxe comunitaria. Unha iniciativa que ampliará ata 35 as instalacións deste tipo situadas en diferentes barrios da cidade. "Eliximos este día porque estes novos centros suporán un aforro de emisións 280.000 kilos de dióxido de carbono e outros gases de efecto invernadoiro á atmosfera", explicou o concelleiro de Xestión de Residuos, Raimundo González.
Entre os sete novos centros existen zonas de nova creación e de ampliación dos xa existentes. Na rúa das Devesas, Virxinia Pereira, Camiño Vello de Castela, Avenida da Coruña y en el Parque Amalia Álvarez instalaranse novos depósitos de entre 10 e 12 unidades cada un. Mentres que na zona de Campolongo, na que existen centros deste tipo ampliarase o da contorna de rúa Alcalde Hevia e construirase un novo na contorna do Parque da Seta.
"A finais de marzo estarán todos en funcionamento", asegura o edil nacionalista, quen calcula que estes novos centros comunitarios poderán dar servizo a un potencial de 1.500 veciños.
A implantación deste tipo de instalacións non só contribúe a reducir a emisión de gases, segundo os cálculos do Concello o aforro por habitante ao ano é de 0,2 toneladas grazas á compostaxe, tamén contribúe a mellorar a biodiversidade na zona debido a que ao redor das unidades é habitual atoparse paxaros que acoden a alimentarse atraídos pola presenza de insectos e flora que proliferan grazas ao compost.
Segundo os cálculos do goberno local, a cada centro de compostaxe acode unha media de 150 veciños, o que supón que en Pontevedra son 5.250 veciños os que producen compost de forma habitual. Unha cifra que é aínda máis alta se se ten en conta aos usuarios dos contedores marróns situados no centro urbano e os 4.000 composteiros individuais repartidos por todas as parroquias do municipio.
Ademais, coa adxudicación do novo contrato de xestión de residuos que sairá pronto a licitación, o Concello quere incluír a repartición de composteiros individuais en vivendas situadas en zonas urbanas e periurbanas que xa mostraron o seu interese neste plan. Así mesmo, o obxectivo do goberno local é contar no futuro cun centenar de centros de compostaxe comunitarios repartidos por todo o territorio municipal.
Relacionadas:
-
Máis de 4.000 vivendas, un 70% do rural pontevedrés, teñen composteiro individual
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra consolida as cifras de reciclaxe en 2021 á espera da "revolución ambiental" do novo contrato do lixo
Por Redacción |
-
O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez reclama "menos composteiros comunitarios en pleno centro e máis limpeza"
Por Redacción |
-
Trinta novas rúas súmanse ao Plan Composta para completar a 'Pontevedra compacta'
Por Alejandro Espiño |
-
A compostaxe permitirá aforrar este ano na provincia máis de 2.600 toneladas de CO2 de emisións á atmosfera
Por Redacción |
-
Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra desprega os contedores marróns para a compostaxe domiciliaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |