Pontevedra consolida as cifras de reciclaxe en 2021 á espera da "revolución ambiental" do novo contrato do lixo
Por Redacción
A Concellaría de xestión dos residuos municipais que dirixe o concelleiro Raimundo González Carballo vén de recibir os últimos datos do sistema de reciclaxe do concello durante o 2021.
A pesar da crise da Covid e da crise de consumo derivada dela, Pontevedra seguiu mantendo os seus niveis de reciclaxe en todas as fraccións: papel/cartón (colector azul), vidro (iglú verde) e envases (colector/iglú amarelo), superando en todos os casos as mil toneladas de reciclaxe ao ano.
Este bo comportamento tamén o tivo a fracción húmida, en concreto a compostaxe a través do colector marrón, que vai incrementando mes a mes, ao tempo que se van reducindo os envíos do colector verde (resto) á Sogama.
Os datos de reciclaxe son un bo punto de partida para a posta en marcha do vindeiro contrato de xestión dos residuos municipais no que traballa o Goberno Local, cuxa licitación comezará nas vindeiras semanas.
O concelleiro asegurou que este novo contrato suporá unha "revolución ambiental" xa que estará baseado en obxectivos ambientais considerando os residuos como un recurso, seguindo as liñas de traballo de toda a normativa europea, estatal e autonómica en vigor ou en estudo. Busca cumprir coas esixencias da Unión Europea que incrementa as porcentaxes de reciclaxe dos residuos até acadar, cando menos, o 60% no ano 2030. O concelleiro Raimundo González xa adiantou que "a nosa aspiración é superar esa porcentaxe de mínimos legais".
DATOS
Ao respecto das fraccións de reciclaxe en colector ou en iglú, os datos de 2021 revelan un lixeiro descenso ao respecto da recuperación do papel e do cartón, situándose en 1.525 toneladas, é dicir, arredor de 300 toneladas menos que en 2020, pero segue sendo a segunda cifra máis elevada de reciclaxe de papel e cartón no concello dende que hai rexistros. O servizo atribúe o descenso ás visicitudes do comercio local durante o pasado ano, xa que a principal baixada fíxase na recollida porta a porta dos establecementos.
Os datos do iglú verde, onde se depositan os vidros, manteñen o ratio de reciclaxe no pasado ano e están por riba das mil toneladas de depósitos; e o colector amarelo, de envases, superou en 21 toneladas a cifra de 2020 situándose en 1.178.
O colector verde onde se deposita a fracción "resto" tamén tivo un bo comportamento xa que se van reducindo os envíos a Sogama derivados da implantación da compostaxe en todo o territorio: compostaxe comunitaria, compostaxe individual e compostaxe en colector marrón. Precisamente, nesta última tipoloxía recolléronse máis de 900 toneladas/ano de resto orgánico en 2021.
Cabe lembrar que a compostaxe en colector marrón implementouse na cidade naqueles barrios con moita densidade de poboación. Fíxose por fases. A primeira comezou a mediados de xullo de 2020 e a segunda ao longo do mes de marzo de 2021, polo que o ano pasado foi o primeiro con rexistros completos. A compostaxe responde á liña de traballo impulsada polo Goberno local no ano 2019 coa instalación de composteiros comunitarios xeralizados en todos os barrios e a entrega masiva de composteiros individuais nas vivendas do rural.
Relacionadas:
-
Máis de 4.000 vivendas, un 70% do rural pontevedrés, teñen composteiro individual
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra repartiu este ano todo o compost producido entre os cidadáns
Por Alejandro Espiño |
-
Prevista a implantación de puntos limpos fixo e móbil no novo contrato de xestión de residuos
Por Redacción |
-
Pontevedra quere formalizar antes de final de ano o novo contrato do lixo, polo que pagará 225 millóns en 21 anos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello promociona a reciclaxe entre os escolares de Moraña
Por Redacción |
-
A Mancomunidade do Morrazo implanta na hostalería a recollida de biorresiduos "porta a porta"
Por Redacción |
-
Os contedores de lixo do centro histórico serán 'de quita e pon'
Por Alejandro Espiño |
-
Retiran plásticos e residuos das praias de Baltar e A Lanzada
Por Redacción |
-
A bonificación do canon de Sogama durante os últimos tres anos aforrou aos galegos máis de 9,7 millóns de euros
Por Noticia patrocinada |
-
O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2
Por Redacción |
-
A licitación do novo contrato do lixo avanza e só está á espera dos últimos informes xurídicos
Por Manu Otero |
-
Sete novos composteiros comunitarios para celebrar o Día Mundial pola Redución das Emisións de CO2 en Pontevedra
Por Manu Otero |