Millón e medio de euros para peonalizar a Praza do Regueiro na Illa de Arousa
Por Redacción
A Praza do Regueiro, un dos espazos públicos máis importante da Illa de Arousa e punto de encontro da veciñanza, vai a ter un novo aspecto. Este ámbito urbano será remodelado de xeito integral, actuación na que se investirán 1,5 millóns de euros.
Este é un dos proxectos aprobados pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan ReacPon.
O proxecto contempla a reurbanización da praza para converter a zona nun eixo vertebrador de toda a contorna.
Así, restrinxirase o acceso de vehículos e acometerase a peonalización dos viais, establecendo áreas de prioridade residencial e reformulando a circulación para peonalizar a praza. Tamén se eliminará unha zona de aparcadoiro, de 1.200 metros cadrados de superficie.
Crearase ademais un parque con diversas zonas, unha infantil, outra de aparatos de exercicio para maiores e unha pista polideportiva pensada para a mocidade, e haberá un espazo para uso cultural e para as Festas do Carme.
Suprimiranse as barreiras arquitectónicas e pavimentos públicos e mellorarase a mobilidade peonil e ciclista, con novas sinais verticais e horizontais, pasos peonís sobreelevados e redutores de velocidade.
Ademais, potenciarase a eficiencia enerxética, a través de luminarias led, elementos de captación de enerxía solar para autoabastecemento, equipamentos para reducir fugas de caudal, tratamentos eficientes das augas residuais e pavimentos superficiais ecolóxicos.
O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, tras a sinatura do convenio para financiar as obras, destacou que sen a axuda da Deputación estas actuacións nos concellos "serían imposibles" e subliñou que "na grande transformación que estamos facer na vila sempre estiveron presentes".
Carmela Silva, pola súa banda, felicitou ao rexedor pola "valentía" de apostar por actuacións como a da Praza do Regueiro, que actualmente presentaba un estado "degradado".
O Concello abordará unha operación de crédito para asumir a súa parte do custo da obra e confía en que estea rematada ao longo deste ano, en que A Illa cumpre 25 anos como municipio, "e poder celebrarlo como se merece".
Relacionadas:
-
Vilaboa asina o convenio coa Deputación para ampliar a Casa do Concello e renovar a súa contorna
Por Oskar Viéitez |
-
Asinado o proxecto para converter o pavillón municipal de Meis nun gran centro deportivo
Por Redacción |
-
Case doce millóns investirá a Deputación en 2022 nos concellos da área de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |