A compra do convento de Santa Clara só está pendente da sinatura na notaría
Por Redacción
Santa Clara está só a un par de sinaturas de pasar a formar parte do equipamento do Concello de Pontevedra. O antigo convento pasará a disposición pública nas vindeiras semanas, logo de se formalizar todo o procedemento administrativo requirido para a súa compra.
Segundo informou o concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, o Concello rematou xa coa tramitación e comprobación de documentos necesarios para proceder coa compra deste futuro espazo público.
O desbloqueo dos 3,2 millóns de euros para poder mercar o antigo convento de Santa Clara tamén será formalizado nas vindeiras horas a través dunha Xunta de Goberno extraordinaria "para así poder proceder co pago á Orde das Clarisas", sinalou Moreda.
"Despois destre trámite irá ao notario e este deberá redactar os documentos perinentes", explicou o edil. "Agora mesmo, xa depende do notario estimar en que momento o Concello asinará a compra, segundo o traballo que lle comporte a realización deste último paso".
Moreda tamén lembrou que continúan avanzando noutros aspectos relacionados con Santa Clara, como os enterramentos situados na zona verde do complexo. Sobre o traslado destes restos, o concelleiro lembrou que é un proceso administrativo tamén longo e un tanto lento, iniciado pola orde das clarisas, que comeza coa petición do cese de enterramentos no lugar.
Após deste paso, é solicitada a clausura do cemiterio e, a partir dese intre, poderá ser realizada a exhumación dos corpos das quince lápidas que hai, se ben a solicitude oficial está referida a entre catro e cinco corpos por lápida. "Hai que entender que a identificación destes corpos só chega ata o ano 1900. Se hai outros corpos, enterrados con anterioridade, non teremos información deles".
Relacionadas:
-
Os xardíns de Santa Clara abrirán á cidadania os días 18 e 19
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Prevén asinar a adquisición do convento de Santa Clara durante a primeira semana de decembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O Concello desbloquea os 3,2 millóns para a compra de Santa Clara
Por Redacción |
-
Santa Clara, o 'herdeiro' do proxecto arqueolóxico do Museo en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño |
-
Santa Clara vai medirse con tecnoloxía tridimensional en alta definición
Por Redacción |
-
A compra de Santa Clara, cada vez máis preto: será efectiva dentro dun mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |