Sanxenxo prevé un investimento de 1,7 millones de euros no Pazo de Quintáns
Por Redacción
Finalizada a primeira fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns, o goberno de Sanxenxo prevé un investimento de 1,7 millóns de euros para converter o edificio e a súa contorna nun novo polo turístico que permita diversificar a oferta e poñer en valor o patrimonio do municipio. O proxecto que opta aos fondos europeos Next Generation consta de catro eixos de actuación: Creación do centro da cultura gastronómica Rías Baixas, mellora da contorna, dotación dixital e sistemas ecoeficientes.
O obxectivo é converter o Pazo no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas cun carácter multidisciplinar con forte calado cultural, pero tamén experiencial baseado na gastronomía local e a súa interrelación co territorio. A actuación prevé a dotación de contidos museográficos, así como de subministracións e mobiliario. Por tanto, converterase nun escaparate que mostre e difunda a cultura e patrimonio asociados con espazos de descubrimento, degustación e de encontro.
O Pazo de Quintáns verá mellorado a súa contorna mediante a recuperación ambiental dos xardíns exteriores e as hortas tradicionais. A actuación inclúe un programa de recuperación de plantas tradicionais que mellorará considerablemente a contorna natural do equipamento que non supoñerán un gasto de auga adicional. Tamén se desenvolverán tarefas de conservación e recuperación de especies, ademais investigaranse métodos de cultivo regenerativos do chan.
A rexeneración do chan contribuirá á captación de CO2 e á mitigación do cambio climático. A proposta inclúe a creación dun invernadoiro experiencial para a celebración de eventos cunha axenda de eventos gastroculturales que poñan en valor a riqueza ecosistémica e gastronómica do territorio. Tamén se contempla o acondicionamento dun estacionamento exterior que mellorará o control de fluxos na contorna do Pazo de Quintáns, así como a rehabilitación do hórreo.
A actuación inclúe a dotación ecoeficiente do Pazo polo que as instalacións serán equipadas seguindo os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética. O espazo museográfico será dotado con sistemas de iluminación led, e sensores de movemento que minimice o consumo enerxético, así como a instalación de tecnoloxía que regule o caudal de auga nos aseos. Outro dos ámbitos de actuación será a seguridade das conexións eléctricas para evitar incendios que poidan afectar o BIC.
O proxecto inclúe experiencias inmersivas para potenciar os principais atractivos do territorio: A arquitectura palaciega, a súa contorna natural e a gastronomía local, esta última asociada aos recursos ecosistémicos. Será un espazo de goce cultural e gastronómico onde o visitante poderá interactuar cos produtos locais a través das ferramentas museográficas dixitais que axudarán ao visitante para coñecer os produtos principais da gastronomía local e a súa significación coa contorna.
Relacionadas:
-
Alertan do estado "precario" do abeto branco do Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
A segunda fase do Pazo de Quintáns será posible grazas a 1,3 millóns de euros dos fondos Next Generation
Por Redacción |
-
Sanxenxo quere instalar cargadores eléctricos para coches, patinetes ou bicis en nove praias
Por Redacción |
-
Sanxenxo solicitará unha modificación de orzamento de máis dun millón de euros para obras e proxectos
Por Redacción |
-
O PSOE de Sanxenxo pide destinar o Pazo de Quintáns á cultura e non á hostalería
Por Redacción |
-
Os veciños de Noalla visitan o Pazo de Quintáns tras a primeira fase de rehabilitación
Por Redacción |