Sanxenxo solicitará unha modificación de orzamento de máis dun millón de euros para obras e proxectos
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario do luns 26 de xullo a aprobación dunha modificación orzamentaria que permitirá o investimento de 1.293.500 euros do superávit en proxectos e obras "moi demandadas e necesarias nas distintas parroquias de Sanxenxo", segundo apuntan fontes municipais.
Trátase dunha parte do remanente de tesourería resultante da liquidación do exercicio de 2021 e 2020 que ascende a 3.861.377 euros.
A relación de proxectos contempla actuacións que teñen un financiamento plurianual, pero o Goberno local ten a intención de licitalos e inicialos antes de que acabe este ano.
PLAN DE OBRAS PROXECTADO COA MODIFICACIÓN DO ORZAMENTO:
- Humanización da Praza Pública de Vilalonga. Destínanse 100.000 euros para un proxecto cuxo custo supera os 700.000 euros.
- Remodelación da Praza do Pazo en Sanxenxo. Destínanse 100.000 euros para unha actuación que precisará dun investimento superior a 500.000 euros.
- Campo de fútbol e festas de Dorrón. Ambos proxectos dótanse cunha primeira anualidade de 30.000 euros e 39.000 euros, respectivamente, para un orzamento total de 200.000 euros aproximadamente por cada proxecto.
- Primeiro pago para a adquisición dos terreos que se sitúan detrás do Templo Novo que figura no contrato de compravenda asinado co Arcebispado. A partida ascende a 110.000 euros.
- Redacción do proxecto técnico e as actividades preparatorias precisas para a execución do novo mercado de abastos de Sanxenxo. Resérvase unha partida de 280.000 euros.
- Peche perimetral do Pazo de Quintáns valorado en 50.000 euros.
- Execución da segunda fase do pavillón de Nantes na que se inclúe o peche do pavillón. Unha actuación cuxo custo ascende a 275.000 euros.
- Derriba e acondicionamento da caseta de transformación de Unión Fenosa e das escolas unitarias en Vilalonga. Unha actuación que ascende a 72.000 euros.
- Axardinamento da Praza de Fonte de Ramos. Destinaranse 50.000 euros.
- Custo das expropiacións para executar o proxecto do Paseo de Punta Vicaño e a mellora de seguridade viaria na estrada Contumil-Nantes. Resérvase unha partida de 62.500 euros.
- Remate da obra de urbanización do Revel valorado en 125.000 euros.
- Reserva de 300.000 euros para a execución da nave multiservizos con diferentes edificios no parque empresarial do polígono de Nantes.
Relacionadas:
-
O proxecto para remodelar o campo de festas de Dorrón xa está listo
Por Redacción |
-
Sanxenxo prevé un investimento de 1,7 millones de euros no Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Vilalonga gañará mil metros para a súa praza central e mellorará os espazos
Por Redacción |
-
123.346 euros para mellorar a sinalización do parque empresarial de Nantes
Por Redacción |
-
Máis de 2,3 millóns para humanizar o paso da PO-308 polo núcleo urbano de Portonovo
Por Redacción |
-
Ultiman as obras da nova escalinata do Paseo dos Barcos
Por Redacción |
-
A urbanización do Revel estará rematada en xullo
Por Redacción |