Sanxenxo quere instalar cargadores eléctricos para coches, patinetes ou bicis en nove praias
Por Redacción
Ata nove praias de Sanxenxo veranse beneficiadas da proposta de mellora da eficiencia enerxética que o Concello presentou á convocatoria dos fondos europeos Next Generation e na que prevén investir uns 97.000 euros.
O obxectivo desta iniciativa, segundo o goberno municipal, é reforzar os servizos de mobilidade sostible nas praias, favorecer a interconexión do territorio e diferenciar o destino turístico ao ofrecer puntos de recarga para vehículos eléctricos.
Así, Sanxenxo quere colocar dúas prazas para coche eléctrico de carga semirrápida de 22 quilovatts nos areais de Foxos, Montalvo, Major e Areas, onde ademais se reforzará a sinalización horizontal do aparcamento.
Os cargadores de bicicletas e patinetes instalaranse nas praias de Silgar, Baltar, Canelas, Caneliñas e Panadeira con seis puntos de conexión con tomas 220V.
Estes puntos de recarga permitirán dispoñer dun lugar para aparcar as bicis e os patinetes con seguridade coa súa correspondente batería mediante unha instalación de placa solar.
SMARTGUIDE SANXENXO 365
Dentro do eixo programático de transición dixital dos fondos europeos, Sanxenxo propoñerá ademais a creación dunha guía interactiva dos recursos turísticos do municipio.
Nela, o usuario poderá elixir e deseñar roteiros articulados ao redor dos produtos diferenciais do destino como turismo activo, observación de paxaros, enogastronomía, patrimonio cultural, spa ou deportes náuticos.
Relacionadas:
-
Sanxenxo prohibirá que se deixen antucas ou cadeiras na praia para reservar espazos
Por Oskar Viéitez |
-
A posta en valor da torre e o xacemento da Lanzada, proposta aos fondos europeos Next Generation
Por Redacción |
-
Sanxenxo prevé un investimento de 1,7 millones de euros no Pazo de Quintáns
Por Redacción |
-
Feijoo defende en Sanxenxo que Galicia é un destino turístico seguro
Por Redacción |