Volve á cidade a estafa do falso técnico do gas, que agora tamén se fai pasar por revisor da luz
Por Redacción
A Policía Nacional detectou unha vez máis na cidade a coñecida como 'estafa do gas', que consiste en que un ou máis individuos acoden en domicilios particulares xeralmente de persoas de idade avanzada e, coa suposta escusa dunha revisión da instalación do gas, realizan reparacións innecesarias, cobrándoas e mesmo tratando de realizar contratos de mantemento da condución do gas de cinco anos de duración.
Os estafadores preséntanse nun domicilio particular coa intención de realizar unha revisión da instalación acreditándose cun carné dunha empresa relacionada co gas. Así aconteceu no último caso rexistrado en Pontevedra.
O 9 de outubro un veciño de Pontevedra denunciou que fora vítima dun falso de revisor de gas que accedeu ao seu domicilio e por unha suposta revisión lle solicitou 300 euros, se ben finalmente se conformou cos 85 que o denunciante tiña nese momento na casa.
Ademais, advirten de que xa se detectou noutras zonas a mesma estafa, pero se cometeu por persoas que se fan pasar por inspectores da luz e non de gas. Chegan aos domicilios coa escusa de efectuar unha revisión e utilizan o mesmo modus operandi.
Dende a Comisaría queren advertir á poboación deste tipo de estafas que son cometidas aproveitando a idade avanzada das vítimas e estas viven soas, chegando mesmo nalgún dos casos a substraer efectos de valor aproveitando algún momento de descoido, unha vez dentro da vivenda.
O modus operandi utilizado é concertar unha cita por teléfono previamente para non levantar sospeitas nas vítimas. Despois acoden ao domicilio ataviados cun equipo, vestidos de uniforme e presentando a preceptiva acreditación.
Os estafadores aproveitan do descoñecemento das vítimas para esixirlles prezos abusivos por inspeccións da instalación de gas que nunca chegan a realizar, ameazándoos mesmo con cortarlles a subministración ou chamar a Policía en caso de negarse.
Relacionadas:
-
Dous falsos revisores do gas estafan dúas veces nun mesmo día a unha octoxenaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía alerta da presenza de falsos revisores de gas
Por Oskar Viéitez |
-
Un falso revisor do gas estafa 160 euros a unha pontevedresa de 76 anos soa na casa
Por Natalia Puga |
-
A Policía identificou en Vilaxoán a tres falsos revisores do gas
Por Redacción |
-
Falsos revisores do gas intentan estafar os pontevedreses
Por Redacción |