Un falso revisor do gas estafa 160 euros a unha pontevedresa de 76 anos soa na casa
Por Natalia Puga
Unha muller de 76 anos converteuse na última vítima coñecida da 'estafa do gas' en Pontevedra. Un mozo vestido cun mono de traballo rotulado co nome dunha empresa que non existe chegou á súa casa, fíxolle unha revisión non solicitada na instalación do gas e acabou levándolle 160 euros. Ela mesma entregoulle o diñeiro porque se sentiu intimidada e desbordada pola situación.
A septuaxenaria estaba soa na súa vivenda da avenida de Vigo cando, entre as 16.00 e as 16.15 horas, recibiu unha chamada telefónica dunha suposta empresa dedicada á revisión de instalacións de gas e enerxía que lle comunicou que un técnico iría á súa casa. Inmediatamente, cando aínda nin colgara o teléfono, chamaron á porta. A chamada escoitábase con eco e foi todo moi inminente, de modo que a muller sospeita que a persoa que lle chamaba estaba nas escaleiras do edificio e foi a mesma que apareceu na súa porta.
Tras abrir a porta, un home vestido cun mono de traballo rotulado co nome da suposta empresa entrou na casa. Sen darlle maiores explicacións, dirixiuse á cociña e empezou a cambiar unha goma do butano. A muller asegura que se quedou moi sorprendida,
rompeu a chorar e, moi nerviosa, díxolle o técnico que volvera cando estivese o seu fillo na casa ou esperase a que chamase a Repsol, a empresa que lle subministra o gas.Malia a insistencia e nerviosismo desta septuaxenaria, o mozo seguiu traballando e, pouco despois, comunicoulle que rematara e que debía pagarlle máis de 200 euros polo servizo. Nun primeiro momento, a reacción dela foi non pagar, pero explica que el respondeu de moi malas formas e lle esixiu que lle entregase a carteira e a billeteira. Atemorizada, acabou dándolle ambas as dúas pezas e, tras coller todo o diñeiro que había dentro, marchou. Levouse consigo 160 euros.
A suposta vítima tardou uns días en recoñecer o que pasara ao seu fillo. Dende entón, intentaron contactar coa suposta empresa que a chamou por teléfono e para a que traballaba o revisor, pero o teléfono non funciona.
Hai escasas semanas, a Policía Nacional alertaba de que detectara unha vez máis na cidade a coñecida como estafa do gas' e que adoitan cometerse aproveitando a idade avanzada das vítimas e estas viven soas, chegando mesmo nalgún dos casos a subtraer efectos de valor aproveitando algún momento de descoido, unha vez dentro da vivenda.
Relacionadas:
-
Dous falsos revisores do gas estafan dúas veces nun mesmo día a unha octoxenaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía alerta da presenza de falsos revisores de gas
Por Oskar Viéitez |
-
Volve á cidade a estafa do falso técnico do gas, que agora tamén se fai pasar por revisor da luz
Por Redacción |