A Policía identificou en Vilaxoán a tres falsos revisores do gas
Por Redacción
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) do Concello de Vilagarcía advirte aos veciños da localidade que tomen as precaucións debidas ante ofertas de revisións de gas e doutro tipo de servizos despois de que a Policía Local identificase en Vilaxoán a tres homes que ofrecían estas inspeccións, dous dos cales contaban con numerosos antecedentes por estafa, alleamento de morada e infraccións contra a seguridade do tráfico.
Foron os propios veciños de Vilaxoán os que chamaron á Policía ante as sospeitas que levantaban tres homes xóvenes que na Praza Rafael Pazos estaban ofrecendo aos veciños a revisión da instalación de gas das súas casas, tomando nota das direccións dos usuarios para pasar posteriormente polos domicilios un técnico para facer a revisión. Segundo manifestaron aos axentes, o pago podíano facer nese momento ou cando o técnico pasase a inspección.
Un dos individuos presentou unha tarxeta coa súa fotografía e selo dunha empresa, na que figuraba que o titular era "operario especialista bajo supervisión del instalador". Os tres dicían traballar para unha empresa con domicilio en Mérida (Badaxoz) ofrecendo aos axentes números de teléfono de Badaxoz e Toledo e do de unha liña de atención ao cliente nos que non contestaba ninguén no momento da intervención. Ante esta circunstancia, os axentes contactaron coa Comisaría da Policía Nacional, onde se constatou que dous dos individuos contaban con numerosos antecedentes por varias infraccións.
Ante este caso, a OMIC aconsella aos veciños que tomen as medidas de precaución oportunas ante este tipo de ofertas, que non faciliten datos persoais nin do seu domicilio a descoñecidos, que comproben previamente a veracidade da oferta, que non adianten os pagamentos e que non deixen entrar no seu domicilio a descoñecidos ou persoas que lle resulten sospeitosas. Ademais, lembran que na zona existen varias empresas que prestan este tipo de servizos e ás que poden recorrer con total garantía en caso de precisar realizar as inspeccións.
Relacionadas:
-
Dous falsos revisores do gas estafan dúas veces nun mesmo día a unha octoxenaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía alerta da presenza de falsos revisores de gas
Por Oskar Viéitez |
-
Volve á cidade a estafa do falso técnico do gas, que agora tamén se fai pasar por revisor da luz
Por Redacción |