Falsos revisores do gas intentan estafar os pontevedreses
Por Redacción
A Policía Nacional lanza unha alerta cidadá. Detectáronse novos casos da coñecida como estafa do gas e o último foi ese mesmo martes 30 de xullo en San Vicente de Cerponzóns.
Un veciño de Cerponzóns chamou á Comisaría da presenza de tres individuos que intentaran acceder ao interior dun domicilio facéndose pasar por revisores do gas a pesar da insistencia da propietaria manifestando que non ten gas na súa vivenda.
Axentes da Policía Nacional dirixiuse ao lugar e identificou os tres individuos, aos que puideron comprobar que lle constan antecedentes policiais.
Dende a Comisaría piden precaución aos cidadáns e explican que esta estafa consiste en que dous ou máis individuos comparecen en domicilios particulares xeralmente de persoas de idade avanzada e coa suposta escusa dunha revisión da instalación do gas proceden a realizar reparacións innecesarias, cobrándoas e mesmo tratando de realizar contratos de mantemento da condución do gas de cinco anos de duración.
O método que levan a cabo é presentarse nun domicilio particular coa intención de realizar unha revisión da instalación acreditándose cun carné dunha empresa relacionada co gas.
A Policía Nacional aconsella aos cidadáns que antes de aboar algunha cantidade comproben a verdadeira identidade dos supostos técnicos, que insistan en ver a correspondente acreditación e, sobre todo, que teñan en conta o nome da empresa coa que teñen contratada a instalación da súa vivenda para non aceptar a supostos traballadores de presuntas empresas de instalación e revisión do gas diferentes á súa.
Relacionadas:
-
Dous falsos revisores do gas estafan dúas veces nun mesmo día a unha octoxenaria pontevedresa
Por Oskar Viéitez |
-
A Policía alerta da presenza de falsos revisores de gas
Por Oskar Viéitez |
-
Volve á cidade a estafa do falso técnico do gas, que agora tamén se fai pasar por revisor da luz
Por Redacción |