Catro 'instagrammers' percorren o Camiño Portugués para promocionalo entre a mocidade
Por Redacción
Más de catro millóns de seguidores suman os catro 'instagrammers' que, desde este xoves, percorrerán as catro etapas por Galicia do Camiño Portugués a Santiago, para promocionar entre a mocidade esta ruta de peregrinación.
Xunto co actor Martiño Rivas, participan nesta iniciativa outros tres creadores de tendencias en Instagram, Gala González, Xurxo Carreño e Cristina Cerqueiras.
Os catro percorrerán preto de 75 quilómetros deste itinerario. Partiron de Redondela e teñen previsto chegar esta tarde a Pontevedra. Nos próximos días completarán as etapas Pontevedra-Caldas, Caldas-Lestrove e Lestrove-Santiago ata chegar á Praza do Obradoiro.
Todos eles irán actualizando as súas contas de Instagram diariamente coas súas vivencias no Camiño Portugués, converténdose en peregrinos e en guías para eses catro millóns de persoas que os seguen.
Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia pretende divulgar o Camiño entre públicos a priori afastados da peregrinación e da cultura xacobea e facelo con participantes de orixe galega.
"Nós somos os mellores embaixadores", destacou a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, que acompañou a estes peculiares peregrinos na súa saída de Redondela.