Portonovo estrea un novo estacionamento disuasorio próximo ao mercado de abastos
Por Redacción
Buscar aparcamento no verán é, ás veces, toda unha odisea en vilas como a de Portonovo. A combater iso destinarase o novo estacionamento disuasorio que se habilitou a apenas 150 metros da praza de abastos.
Trátase dunha parcela de 2.800 metros cadrados, situada na zona da Xunqueira, con capacidade para 120 vehículos.
Ademais, a partir do próximo luns 5 de xullo a zona do varadoiro do porto terá acceso libre, ofertando un total de 80 prazas de aparcamento ata setembro.
A vila conta, ademais, co aparcamento da Perla con capacidade para máis de 200 coches aos que hai que sumar 250 prazas máis na contorna da piscina e os campos de fútbol.
A boa disposición da confraría de Portonovo permitirá utilizar durante as fins de semana outra ampla zona, a da contorna da lonxa e o espigón con ao redor de 100 prazas.
Pola súa banda, en Sanxenxo, o Concello mantén o acordo da cesión do terreo cos propietarios dunha parcela situada na Rúa Vigo, con capacidade para 100 vehículos, e da parcela en Progreso, á altura da nova rotonda, no cruzamento coa Rúa Castelao, onde poden estacionar 240 coches.
Durante este verán manterase tamén o que xa está operativo na rúa Progreso, na confluencia con Rúa Cesteiros, con capacidade para 72 vehículos; a bolsa de aparcamento de detrás da igrexa do Templo Novo con 153 prazas e o que se atopa nunha parcela de O Tombo na que poden estacionar ata 240 vehículos.
Ás prazas de estacionamento gratuítas súmanse as 340 de pago do aparcadoiro Nauta e a Praza do Mar, e as dispoñibles no estacionamento de Fonte de Ramos, tamén de pago.
Relacionadas:
-
O aparcamento disuasorio do centro de Sanxenxo bota o peche
Por Redacción |
-
Máis espazos peonís darán forma ao ámbito do colexio e o mercado de Portonovo
Por Redacción |
-
Cociñeiros locais farán 'showcooking' para promocionar a praza de abastos de Portonovo
Por Redacción |
-
O porto deportivo de Sanxenxo colga o cartel de completo para o mes de agosto
Por Redacción |
-
Analizan a fachada marítima de Sanxenxo para "poñela en valor" e potenciar a súa actividade
Por Redacción |
-
A contorna do mercado, o colexio e o parque de Portonovo formarán un "espazo común"
Por Redacción |