Analizan a fachada marítima de Sanxenxo para "poñela en valor" e potenciar a súa actividade
Por Redacción
As autoridades decidiron analizar o estado no que se atopa a fachada marítima de Sanxenxo co obxectivo de analizar unha serie de melloras para poñer en valor a contorna e potenciar a actividade económica. É un traballo conxunto entre Portos de Galicia e o Concello.
Con este motivo, a presidenta do organismo autonómico, Susana Lenguas, estivo este luns en Sanxenxo para visitar varias zonas desta fachada marítima, acompañada entre outros polo alcalde do municipio, Telmo Martín.
A este respecto, ambos avanzaron que Portos elaborará un proxecto para recuperar a rampla centenaria de baixada á praia dos Barcos que conlevará retirar o tablado de madeira que a cobre e realizar unha actuación que permita gozar e embelecer o espazo.
"Hai capacidade de mellora e é interesante recuperar a rampla de acceso á praia dos Barcos retirando a madeira que actualmente a cobre", segundo Lenguas.
En Portonovo, a presidenta de Portos mostrouse disposta a ceder un ano máis durante a tempada estival, cando o municipio triplica a súa poboación, o uso de parte do varadoiro como aparcamento público coa delimitación de 80 prazas.
O alcalde agradeceu a boa disposición para ceder o espazo que deberá contar tamén co visto e prace da confraría de pescadores e o club náutico.
Martín trasladou tamén a necesidade de recolocar as casetas de tickets de pasaxe nunha zona que non supoña un problema para o tránsito peonil, medida que Portos de Galicia estudará para que non haxa aglomeracións nas beirarrúas, que son estreitas na súa actual localización.
Con respecto á avenida de Rafael Picó, analizarase a posible retirada do sebe, tal e como pediron os hostaleiros da zona, e que iría acompañada dun proxecto de mellora integral da estética das terrazas deste enclave, na que xa traballa o propio sector.
Relacionadas:
-
Portonovo estrea un novo estacionamento disuasorio próximo ao mercado de abastos
Por Redacción |
-
A Carabuxeira volverá ser unha praia coa recuperación da súa area
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo quere unificar e mellorar as condicións estéticas das terrazas da fachada marítima
Por Redacción |
-
Nauta Sanxenxo dá luz verde á remodelación da zona portuaria e da Praza do Mar
Por Oskar Viéitez |