A contorna do mercado, o colexio e o parque de Portonovo formarán un "espazo común"
Por Redacción
A contorna urbana que forman o colexio, o mercado de abastos e o Parque do Espiñeiro de Portonovo, vai ser completamente transformado para converterse nun espazo común e con prioridade para as persoas ao amparo do Plan DepoRemse no que colaboran Deputación e Concello.
A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde, Telmo Martín, xunto a representantes da corporación municipal, visitaron este mércores o núcleo no que se acometerá este proxecto de humanización e recuperación, que supón un investimento total de 834.000 euros. A Deputación aprobará o convenio na Xunta de Goberno deste venres 22 no último trámite previo á súa licitación.
A presidenta Carmela Silva quixo poñer en valor a transformación que supoñerá esta ambiciosa actuación na vila, así como a valentía do Concello de Sanxenxo para abordala.
"O centro de todo ten que ser a xente, e temos que cambiar o modelo urbano que construímos no século XX onde o rei era o vehículo, que se levou todo o espazo que era noso, das persoas", reivindicou Silva, encomiando un proxecto cuxos redactores tiveron en conta a guia de mobilidade e seguridade viaria da Deputación para elaboralo.
Ademais, a presidenta augurou novas transformacións para este municipio nas que ambas as administracións irán da man. "Este non vai ser o único gran proxecto en Sanxenxo; imos poñer en marcha máis para este tipo de modificacións. Non hai nada que me satisfaga máis que cheguen recursos aos concellos para darlle servizos, dereitos e mellor calidade de vida aos veciños", engadiu.
Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín destacou que esta obra "é importantísima para toda a comarca, porque esta é unha zona de confluencia de persoas todos os días, xente que vai al mercado, ao colexio...". Fixo tamén referencia o rexedor á colaboración entre ambas as institucións ao sinalar que "esta imaxe de hoxe para nós vale moitísimo. A decisión que tomastes co plan foi única e espero que non o elimine ninguén, porque nos vén moi ben aos municipios", díxolle a Silva sobre o Plan Concellos da Deputación.
En relación co proxecto, Martín detallou que a actuación será "amable", que estará permitida a convivencia entre peóns e vehículos e que a plataforma única que se implantará neste espazo servirá para acougar o tráfico.
As obras contemplan a reurbanización completa da rúa Areal, a travesía do mesmo nome, a rúa do Espiñeiro e a contorna do mercado de abastos. Habilitarase unha nova calzada na rúa Espiñeiro e a travesía Areal, cun único carril e sentido de circulación, que terá tres metros de ancho. Ademais, a rúa Areal constituirase cun carril por cada sentido da circulación.
Ao redor da praza do mercado colocarase un único carril a base de adoquín e actuarase tamén para integrar a explanada do aparcamento. O plan inclúe unha zona reservada para motocicletas e bicicletas, así como prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida. Tamén se renovarán as redes de abastecemento e saneamento, así como a iluminación pública, que contará con 67 novos báculos e tecnoloxía LED.
Relacionadas:
-
Arranca a obra que transformará a contorna do colexio de Portonovo
Por Redacción |
-
Máis espazos peonís darán forma ao ámbito do colexio e o mercado de Portonovo
Por Redacción |
-
Cociñeiros locais farán 'showcooking' para promocionar a praza de abastos de Portonovo
Por Redacción |
-
Portonovo estrea un novo estacionamento disuasorio próximo ao mercado de abastos
Por Redacción |
-
Case un millón de euros para rehabilitar o colexio de Portonovo de xeito integral
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo reactiva o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo
Por Oskar Viéitez |