260.000 euros destina a Xunta para garantir a subministración de auga potable no municipio
Por Redacción
As traídas de augas veciñais en Cerdedo-Cotobade atópanse nun proceso de mellora, que acompañadas da redacción do Plan Municipal de Abastecemento Autónomo para o municipio, conlevan un investimento de 260.000 euros por parte da Xunta de Galicia neste Concello, que preside o alcalde do PP, Jorge Cubela.
Este mércores, o delegado territorial Luís López realizaba unha visita para comprobar as obras de modernización da rede da comunidade de usuarios de auga de Liñeiriños, na parroquia de Viascón. Alí indicaba que Cerdedo-Cotobade é un dos seis concellos seleccionados de Galicia para redactar o proxecto de análise de situación da subministración de auga, para elaborar ese Plan de Abastecemento Autónomo.
A Consellería de Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, realizou unha proba piloto en Abegondo e agora realizarase un investimento de 150.000 euros da administración autonómica para desenvolver o Plan que comezará a redactarse en xullo e que será básico na estratexia das infraestruturas de subministración, segundo explicaba o delegado territorial da Xunta.
A elaboración do Plan estenderase ao longo de 18 meses e realizarase en colaboración entre técnicos do Concello e de Augas de Galicia co obxectivo de dotar á administración local de información sobre o nivel de garantía de abastecemento de auga potable aos 5.500 residentes no municipio.
Co documento identificaranse as actuacións prioritarias que se deberán afrontar nos próximos anos e fortalecer un sistema sostible baseado en redes veciñais e autoconsumo en pozos e mananciais nun espazo principalmente rural.
Luís López tamén mostrou o seu interese por dez proxectos de mellora das traídas de augas veciñais que se executaron cun investimento global de 110.000 euros a cargo da Xunta de Galicia, que se concederon a diversos colectivos.