Cerdedo-Cotobade chama a legalizar as traídas de auga do municipio
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade iniciou unha campaña para impulsar a legalización e rexistro das traídas de auga do municipio.
O alcalde, Jorge Cubela, considera necesario realizar este tipo de campañas para que, entre outras medidas, os colectivos veciñais poidan acceder ás distintas subvencións que desde as administracións públicas se ofrecen para axudar ás comunidades de usuarios.
Durante 2020, a rede de subministro de auga no rural mellorouse en seis traídas veciñais despois de recibir subvencións da Xunta de Galicia por importe total de case 110.000 euros.
As axudas beneficiaron ás comunidades de usuarios de augas de Rega do Foxo, Fonte do Can, Liñeiriños, Salgueiros, Igrexario e Frade, pertencentes a Tenorio, Viascón e Loureiro.
Estes fondos destináronse a obras diversas das súas redes de abastecemento, como cambios de tubaxes, traballos de mellora, reposición de canalizacións, execución de casetas e arquetas, peches dos perímetros dos mananciais ou aproveitamentos de auga.
NOVOS DEPÓSITOS
De cara a posibles episodios de seca, o Concello recorda que está en marcha o plan municipal que prevé construír case 25 depósitos de auga espallados por todo o territorio, a través de axudas finalistas directas que superan os 600.000 euros.
Estas instalacións, coas que se pretende reforzar o servizo e garantir que non haxa desabastecemento, sitúanse en Tresaldeas, Os Castros-Outeiro, Framil-Peniñas, Vilalén, Meilide, Covas, Cabenca-Revolta, Vilar, Filgueira, Tomonde, Folgoso, Borela, O Picoto, Pazos de Borela, Rebordelo, Boliñas-Augasantas, Cuqueira-Carballedo, Xesteira-Almofrei, Susteliño, Paraños, Cuspedriños, Dorna, Vila de Abaixo, O Coto, Tenorio e San Xurxo.
Relacionadas:
-
Melloran tres redes de abastecemento de augas veciñais en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O saneamento de Parañós xa se trata a través dun innovador humidal artificial
Por Redacción |
-
260.000 euros destina a Xunta para garantir a subministración de auga potable no municipio
Por Redacción |
-
Impulsan unha "acción transversal" para previr incendios en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade mellora o abastecemento de auga en Cuspedriños
Por Redacción |