A Xunta cofinanciará con 2 millóns de euros á construción do novo Auditorio de Marín
Por Redacción
O Consello da Xunta autorizou este xoves o convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Marín para a construción dun auditorio nesta vila, que na actualidade carece del.
Así, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez cofinanciará a construción desta nova infraestrutura cultural, para o que reserva 2 millóns de euros. Deste xeito, a Xunta achegará o 50 % do investimento necesario para a materialización deste proxecto, cuxo orzamento total é de 4 millóns de euros.
Grazas a esta actuación dinamizarase a vida social e cultural do municipio e, sobre todo, habilitarase un espazo moderno e acondicionado para fomentar a reunión e participación de toda a cidadanía.
Segundo á Xunta esta colaboración tamén permite "mellorar a oferta de equipamentos sociais e culturais no núcleo urbano, con déficit deste tipo de dotacións, ao tempo que se fomenta a rexeneración económica, social e ambiental das inmediacións da única zona industrial de Marín, o porto".
Trátase, en definitiva, de "reinterpretar a idea de barrio e abordalo como un espazo de relación para a veciñanza, en que se pon en valor a calidade da convivencia social nun único marco que combine diferentes usos".
Cómpre lembrar que Marín conta cunha estratexia de desenvolvemento sustentable e integrado (Edusi) en que se recolle a construción dun equipamento sociocultural que na actualidade non existe, polo que coa súa construción se dá resposta a unha vella demanda.
Unha vez que o Consello da Xunta autoriza a sinatura do convenio, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Marín poden asinalo, un trámite previo e necesario para a licitación das obras.
Relacionadas:
-
Aprobada por unanimidade a construción do novo auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Aprobado definitivamente o estudo de detalle do proxecto do Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Asinado o convenio polo que Marín e a Xunta cofinancian os 4 millóns de euros do novo auditorio
Por Redacción |
-
Haberá colaboración económica da Xunta para financiar o novo auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Presentan o documento que marcará as liñas construtivas do Auditorio de Marín
Por Redacción |
-
Reunión entre a alcaldesa de Marín e a conselleira de Medio Ambiente para axilizar a construción do Auditorio
Por Redacción |
-
Así será o futuro auditorio de Marín
Por Oskar Viéitez |