Non haberá límite para as reunións sociais en Galicia a partir do próximo sábado
Por Alejandro Espiño
Galicia, segundo Alberto Núñez Feijóo, atópase xa na "fase final" da pandemia e por iso a Xunta decidiu deixar sen efecto gran parte das restricións que estaban en vigor, fundamentalmente as relacionadas coas reunións sociais.
A partir das 00:00 horas do próximo sábado 12 de xuño, non haberá límite á agrupación de persoas. Nin en domicilios privados nin en lugares exteriores.
Iso si, Núñez Feijóo fixo un chamamento á responsabilidade de todos os galegos porque "cantas máis reunións haxa e máis numerosas sexan, haberá máis risco".
A única limitación a este tipo de encontros sociais será nos establecementos de hostalería, onde se manterá un aforo máximo de seis persoas nos seus espazos interiores e ampliarase a quince os grupos permitidos en terrazas.
Ademais, quedará tamén sen efecto a prohibición de que as persoas non conviventes se reunan entre as 01:00 e as 06:00 horas, engadiu o presidente galego.
BARES ATA A 1
Con respecto á hostalería, o comité clínico que asesora á Xunta optou por homoxeneizar os horarios, sexa cal for a licenza do establecemento. É dicir, todos eles poderán ampliar a súa actividade ata a unha da madrugada.
Isto beneficia, especialmente, aos bares e cafeterías que ata o de agora tiñan que pechar ás once da noite. Para iso, con todo, deberán garantir a calidade de aire nos seus establecementos e, do mesmo xeito que os restaurantes, instalar medidores de CO2.
Esta é, segundo Núñez Feijóo, unha medida "innovadora" que facilita que tanto os clientes como os traballadores saiban que están en "lugares seguros", non só pensando na covid-19 senón tamén noutras enfermidades infecciosas como a gripe.
A Xunta decidiu ademais flexibilizar as actividades de tempo libre para nenos e mozos e autorizará un 70% da súa capacidade máxima, con 125 persoas en lugares abertos e 50 en espazos pechados. Os grupos burbulla de participantes elevaranse a dez.
Ademais, a capacidade máxima de aloxamento en albergues xuvenís será do 70% e en tendas de campaña do 50%, mentres que os albergues de peregrinos manterán o seu límite de aforo no 30% polo momento, detallou o presidente da Xunta.
O comité clínico abordará a próxima semana unha "revisión integral" de toda a regulación relativa ás actividades afectadas pola covid-19, entre elas hostalería, cultura, deporte ou aquelas que están pechadas por completo como parques acuáticos.
O obxectivo, segundo o presidente galego, é "actualizar a normativa" para que entre en vigor antes de que termine este mes de xuño.
Relacionadas:
-
Sanidade establece o nivel medio de restricións en Poio
Por Diego Espiño |
-
O fin da máscara no exterior, sen data: Feijóo confía en "non chegar tarde" a esa decisión
Por Alejandro Espiño |
-
"Vida normal" nas residencias de maiores porque nelas "acaba a pandemia"
Por Alejandro Espiño |
-
5.000 persoas de pé ou 10.000 sentadas, aforo máximo de festivais e verbenas este verán
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia vacinará os menores de 40 anos a partir de xullo
Por Alejandro Espiño |
-
Os hospitais do Salnés e Quirón xa non teñen pacientes de covid e en Montecelo só quedan nove
Por Oskar Viéitez |
-
A partir do sábado 12 ningún concello galego quedará en nivel alto de restricións
Por Redacción |
-
Sanidade xa vacina contra a covid-19 aos pontevedreses entre 40 e 49 anos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |