Un total de 21 locais de Sanxenxo participan no XI concurso Degusta Tapas
Por Redacción
Tras un ano difícil, a hostalería volverá mostrar o seu músculo no XI Concurso Sanxenxo Degusta Tapas con 31 propostas, 16 tradicionais e 15 creativas, desde este venres e ata o próximo 20 de xuño.
A casa mariñeira de Don Fernando acolleu este xoves a presentación da cita cunha mostra dalgunhas das tapas de altísima calidade que os 21 locais participantes ofrecerán por tan só 2 euros sen consumición.
O alcalde, Telmo Martín, destacou a importancia do concurso dun sector especialmente golpeado pola crise sanitaria. "Estou moi emocionado porque este acto ten hoxe un significado especial que demostra a garra e a profesionalidade da hostalería do municipio. Agora o que nos toca e apoialos consumindo estas tapas que teñen tan boa pinta. Dende aquí invito aos veciños e veciñas, pero tamén aos visitantes que proben a nosa gastronomía e participen no Degusta Tapas", indicou.
Os locais participantes nesta edición son A Codia, A Postiña, Arrocería Boca do Río, Asador Aserradero, Cervecería Azor, Cervecería El Aviador, ElPuente, El Puerto, Gastro Bar La cueva, Jaco’s Bar, La Jugosa Burguer Bar, Lilaina, Mesón Fontán, Pepa A Loba, Real Club Náutico de Sanxenxo, Restaurante Fidel, Restaurante Xerfa, Taberna A Batea, Taberna Viña Pedreira, Tapería La Portonovesa e Terraza del Mar.
Cada establecemento dispoñerá dun Degustamapa con 21 selos que os clientes irán marcando por cada unha das tapas consumidas en diferentes locais. A partir de 5 selos participarán nun sorteo de 20 tickets agasallo para distintas actividades de lecer e tempo libre, visitas guiadas a adega con cata e obsequio e viaxes en barco a Ons para 2 persoas.
A partir de 10 selos, participarán no sorteo de todo o anterior, así como dunha estancia de dúas noites para dúas persoas en hotel de 4 estrelas en Galicia, 2 sesións de SPA para 2 persoas e 1 viaxe en barco pola Ría para dúas persoas. Con todos os selos (21 selos) optarán a todo o anterior e, ademais, as 21 primeiras persoas que entreguen o Degustamapa completo na Oficina de Turismo de Sanxenxo conseguirán unha comida ou cea para dúas persoas nun dos establecementos do concurso Sanxenxo Degusta Tapas.