Caldas pon en marcha un novo servizo para que a veciñanza comunique incidencias e suxestións relativas a medio ambiente e obras
Por Redacción
O Concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Manuel González, informou de que o Concello de Caldas de Reis pon a disposición da veciñanza un novo servizo telemático para comunicar incidencias ou suxestións en materia de medio ambiente, obras e mantemento de instalacións municipais.
Esta nova canle de comunicación funcionará a través de Whatsapp, Telegram e teléfono (neste último caso de 09.00 a 14.00 horas) no 647 574 316 e a través do correo electrónico na dirección avisos@caldasdereis.com.
A iniciativa confórmase nunha ferramenta de uso gratuíto cómodo e áxil para toda a cidadanía, que busca mellorar a atención ao cidadán e resolver canto antes as demandas que trasladen os veciños por calquera destas vías.
O servizo integrará todo tipo de avisos en materia de medio ambiente, reciclaxe, residuos sólidos urbanos, limpeza, espazos verdes, etc. Tamén servirá para a notificación de recollidas de voluminosos, residuos eléctricos e electrónicos e para a recollida a domicilio de aceites usados.
Do mesmo xeito, recibiranse demandas relativas a obras, electricidade, fontanaría, conservación e mantemento de instalacións municipais, rozas, etc. Poderanse enviar fotografías e vídeos que permitan facilitar a identificación da incidencia para realizar un seguimento por parte do servizo municipal correspondente e dese xeito tentar ofrecer unha solución coa maior brevidade posible.
Esta nova canle de comunicación coa cidadanía ponse en marcha co apoio do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, que a través da liña 3 financia o contrato da persoa encargada do servizo.
Como sinalou o concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, "con esta iniciativa tamén se pretende desconxestionar a centraliña telefónica do Concello e facilitar a atención á cidadanía por medios electrónicos".
O edil destacou que "o novo sistema serve para avanzar nun modelo de comunicación coa cidadanía máis próximo e eficiente aproveitando os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías para mellorar o funcionamento dos servizos municipais".
O tenente de alcalde tamén fixo fincapé en que a posta en marcha desta ferramenta "é unha nova mostra do compromiso do goberno municipal por achegar a administración á xente, que pon de manifesto que para nós escoitar aos veciños e veciñas é unha prioridade, pois preocúpannos os seus problemas e estamos aquí para traballar na busca de solucións".