A retirada de residuos voluminosos en Caldas faise por Whatsapp
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis reforzou durante os últimos meses o servizo de recollida de residuos voluminosos xestionado a través do Servizo Municipal de Medio Ambiente. A mellora deste servizo consistiu posta en marcha no mes de xuño dun teléfono directo de avisos a través do que se están a atender máis de 60 notificacións de cidadáns ao mes.
As incidencias poden trasladarse por whatsapp no 647 574 316 ou no mail avisos@caldasdereis.com. Logo da activación desta canle de comunicación, o Concello conseguiu reducir ao mínimo a presenza de obxectos e voluminosos abandonados sen aviso previo na contorna de contedores e logrou mellorar significativamente a imaxe externa do municipio.
Os obxectos son recollidos gratuitamente a domicilio un día á semana e trasládanse á nave do servizo municipal de Medio Ambiente onde son clasificados.
Desde alí son entregados periodicamente aos distintos xestores autorizados para cada tipo de residuos: aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) como ordenadores, televisores e todo tipo de electrodomésticos ou fluorescentes; así como mobles, restos de madeira, colchóns, chatarra, etc.
A maioría de solicitudes son atendidas en menos dunha semana e como máximo os voluminosos recóllense nun prazo de 10 días.
O Concello iniciará no último trimestre unha campaña de información e sensibilización para evitar o abandono indiscriminado de residuos no espazo rural e urbano, convidando a toda a cidadanía a utilizar o servizo de avisos e así racionalizar a súa recollida e a súa reciclaxe para mellorar a paisaxe rural e urbana.
Con esta campaña confían reducir significativamente o abandono de residuos.