A Lama cede unha parcela a Sogama para crear unha nova planta de transferencia de residuos urbanos
Por Redacción
A corporación do Concello da Lama aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes pertencentes aos grupos do Partido Popular, Ciudadanos e BNG, a cesión a Sogama por tempo indefinido dunha parcela municipal no polígono de Racelo para a construción dunha nova instalación da planta de transferencia de residuos urbanos.
Dará servizo os municipios que ata o momento viñan sendo atendidos pola microplanta xa existente na Lama.
A aprobación desta cesión permitirá ao Concello da Lama non ter que realizar gasto algún polo desprazamento fóra do municipio dos camións que prestan o servizo de recollida de lixo e, desde Racelo, se seguirá atendendo desde a nova planta de transferencia aos concellos limítrofes de Fornelos de Montes, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, como ata agora.
A cesión dos terreos será exclusivamente para o fin da construción e xestión da citada instalación de transferencia de residuos, revertendo a mesma ao Concello unha vez terminada a utilización para tal fin polo que en ningún caso se poderá producir transmisión da titularidade das parcelas.
Sogama deberá tramitar e aboar as taxas correspondentes ao Concello da Lama pola tramitación dos permisos e licenzas, taxas e impostos que se deriven da súa posta en funcionamento e actividade.
EXECUCIÓN DO ORZAMENTO 2020
Por outra banda, o alcalde Jorge Canda deu conta da situación económica e do grao de execución do orzamento correspondente ao pasado exercicio 2020 onde se detecta como dato de importancia o feito de que o Concello da Lama executou un gasto de 3.144.000 euros, o que quere dicir que duplicou na práctica o orzamento previsto e aprobado pola corporación.
Ademais, como dato de solvencia e equilibrio orzamentario, o alcalde sinalou que as facturas deste Concello páganse nunha media de 7 días, unha vez presentadas e conformadas, non tendo morosidade algunha.
Asemade, Canda informou ao pleno de que o remanente obtido polo Concello no exercicio do 2021, pese a ser un ano marcado pola covid-19, foi de 542.000 euros.
Relacionadas:
-
A nova planta de transferencia que Sogama constrúe na Lama, en servizo antes do verán
Por Redacción |
-
A nova planta de residuos da Lama estará operativa a finais deste ano
Por Redacción |
-
O pontevedrés Javier Domínguez é convidado polo Goberno de Navarra para expoñer o labor de Sogama
Por Noticia patrocinada |
-
Sogama negocia co Concello da Lama o mantemento da planta de transferencia
Por Redacción |