A nova planta de residuos da Lama estará operativa a finais deste ano
Por Redacción
A obras para a construción da nova planta de transferencia de residuos da Lama, un proxecto que impulsa Sogama, avanzan ao ritmo esperado. A previsión é que esta futura instalación ambiental poida entrar en funcionamento no último trimestre deste ano.
Esta planta, que contará cunha capacidade de tratamento para máis de 5.000 toneladas anuais, está sendo levantada no polígono industrial de Racelo, nunha parcela de 2.300 metros cadrados. Será servizo á Lama, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
A nave contará cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, un aparcamento de contedores e unha depuradora de augas residuais. Así mesmo, autoabastecerase de enerxía con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A nova infraestrutura, cuxa obra foi adxudicada por un importe superior a 1,1 millóns de euros, permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Os traballos de construción da planta foron supervisados este luns polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde da Lama, Jorge Canda.
A planta da Lama integrarase na rede de infraestruturas promovida pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias na xestión dos residuos urbanos, a cumprir coas obrigas legais que nesta materia impoñen as autoridades europeas.
Esta rede, cun investimento de preto de 40 millóns de euros, estará conformada por catro plantas de biorresiduos -unha delas xa en funcionamento, a de Cerceda, e tres máis, cuxas obras están licitadas, que se construirán en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín-.
Ademais, a rede complétase con trece plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica e o seu posterior transporte á planta de biorresiduos máis próxima.
Desta forma, preténdese garantir que a meirande parte dos concellos galegos teñan unha planta de xestión de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.