O pleno da Deputación aproba por unanimidade aumentar en 1,6 millóns de euros as axudas para os sectores afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Deputación de Pontevedra aprobou por unanimidade nun pleno extraordinario celebrado este venres un suplemento de crédito para destinar 1.640.000 euros, aos concellos da provincia para que xestionen as axudas que serán directas e finalistas para os sectores afectados pola pandemia da covid-19, fundamentalmente, a hostalería e o turismo.
A tal fin, na orde do día da sesión plenaria figuraban dous únicos puntos que se debateron de maneira conxunta: a aprobación inicial do expediente de modificación de créditos e a modificación das bases reguladoras do Plan Concellos 2021.
O portavoz do grupo provincial socialista e deputado responsable de Economía e Facenda, Carlos López Font, asegurou que con esta iniciativa no goberno provincial "cumplimos con lo prometido" defendendo que este é "un auténtico plan de rescate" fronte á proposta da Xunta "que nunca tuvo intención de llegar a un acuerdo" coas deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para aprobar un plan conxunto de axudas para estes sectores porque, segundo dixo Font, "se negó a aportar el 1% de su presupuesto".
Font destacou que, en total, sumando estes 1,6 millóns de euros e os 6 millóns que a Deputación xa habilitara a través da liña 1 do Plan Concellos, os municipios teñen a súa disposición máis de 7,6 millóns de euros para apoiar aos sectores que se viron obrigados a pechar ou afectados polas restricións impostas pola Xunta de Galicia.
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación e portavoz do grupo do BNG, César Mosquera, insistiu en que "nós cumprimos" destacando que o volume de axudas que pon a administración provincial "proporcionalmente é un esforzo superior ao da Xunta", e engadiu que "se trata dun esforzo que xa nos gustaría que dedicasen outras administracións".
O portavoz do Partido Popular, Jorge Cubela, xustificou o voto a favor do seu partido a estas medidas "a pesar de que considerar que chegan tarde e son totalmente insuficientes" chegando a dicir que se trata "dun 1% trampa" e "un salvavidas para o PSOE de Vigo e o BNG de Pontevedra".
Cubela sinalou que o PP levaba desde outubro reclamando axudas directas desta Deputación para autónomos e pemes "co rexeitamento reiterado do Goberno provincial", e agora consideran que "grazas á presión do noso grupo e do propio sector, aproba unhas axudas pola mínima e que están moi lonxe do que necesita o sector".
Finalmente os populares criticaron que "o criterio para repartir as axudas provoca desigualdade" xa que "só ten en conta a poboación de cada concello, cando non está relacionado co número de negocios que hai nese municipio".
Relacionadas:
-
No último exercicio a Deputación logrou unha nova rebaixa da débeda e cumpriu a estabilidade orzamentaria
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta aborda co sector o plan de hostalería segura que guiará a desescalada
Por Oskar Viéitez |
-
A Federación Provincial de Hostaleiros denuncia á Xunta polo peche do sector
Por Manu Otero |
-
O PP esixe un convenio entre Concello e Deputación para axudar aos sectores máis golpeados pola pandemia
Por Redacción |
-
O PP di que as axudas da Deputación "chegan tarde e son totalmente insuficientes"
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aprobará o venres máis de 1,6 millóns para que os concellos axuden aos sectores afectados pola pandemia
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo
Por Redacción |