A Deputación aprobará o venres máis de 1,6 millóns para que os concellos axuden aos sectores afectados pola pandemia
Por Redacción
O vindeiro venres 12 de febreiro a Deputación Provincial celebrará un Pleno Extraordinario no que se aprobará un suplemento de crédito para destinar o 1% do orzamento, 1.640.000 euros, aos concellos para que xestionen as axudas para os sectores afectados pola pandemia da covid-19, fundamentalmente, a hostalería e o turismo.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou este venres a convocatoria deste Pleno e destacou que tan só 7 días despois de que romperan as negociacións entre a Xunta de Galicia, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para aprobar un plan de rescate para estes sectores, a institución pontevedresa foi capaz de ter todo preparado para achegar ese 1% do orzamento.
"Nós si cumprimos cos nosos compromisos", destacou Carmela Silva, que tamén sinalou que este programa de axudas prevé que os recursos sexan xestionados dende os concellos e que van chegar "de xeito inmediato".
Así, adiantou que ao día seguinte da publicación deste suplemento de crédito os concellos poderán xa solicitar os recursos e, para axilizar aínda máis o proceso, a Deputación adiantará as contías en canto se presente a solicitude de cada concello, sen agardar á xustificación.
Carmela Silva tamén quixo lembrar que as competencias en actividades económicas son "exclusivísimas" da Xunta de Galicia, "que é a que ten que habilitar os recursos" e insistiu en que a Administración autonómica recibiu 224 millóns de euros no 2020 do Goberno do Estado e recibirá outros 441 neste 2021 e en que ten capacidade sobrada para crear un verdadeiro plan de rescate para os sectores afectados pola pandemia, pero "en oito meses, dende que se declarou o Estado de Alarma en marzo e ata novembro, a Xunta de Galicia non fixo nada".
Ademais, engadiu que o acordo entre a Xunta, a Fegamp e as deputacións provinciais non foi posible porque a Xunta se negou a achegar o 1% do seu orzamento e a que fosen os concellos os que xestionasen estas axudas, como así acontece co modelo Valencia.
PULO Á ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA
A Xunta de Goberno da Deputacón aprobou este venres o novo contrato do servizo de administración electrónica para as entidades locais. Trátase dun contrato por un prazo dun ano, prorrogable outros dous, e que conta cunha partida de 578.500 euros ao ano.
Carmela Silva explicou que con este investimento estase a garantir que 54 concellos, 6 entidades locais menores e 4 mancomunidades poidan desenvolver este servizo e confírmase como un proxecto que "está a ser unha revolución na provincia".
Esta é unha das grandes apostas da Deputación, que leva investidos dende 2016 máis de dous millóns de euros en achegar a administración electrónica aos concellos da provincia, posto que maioría deles carecían desta prestación.
Dende 2016, tal e como destacou Carmela Silva, os concellos puideron evolucionar do papel ao expediente electrónico e implantar a sinatura e as sedes electrónicas. Silva destacou que neste período formalizáronse máis de 15,6 millóns de documentos por esta vía, máis de 2,5 millóns de documentos foron asinados electronicamente, realizáronse máis de dous millóns de rexistros telemáticos e tramitáronse 651.557 expedientes electrónicos”.
LIÑA DE EMPREGO CON 335 TRABALLADORES
Carmela Silva tamén deu a coñecer que a Xunta de Goberno aprobou este venres as primeiras achegas para financiar a contratación de 335 persoas traballadoras ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, para un total de 25 concellos e destacou que as consecuencias da covid-19 son "sanitarias e terribles", pero tamén son de carácter económico e social, de modo que ter un proxecto que permita a contratación de emprego "é fundamental neste momento" da pandemia.
A Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou as primeiras achegas por preto de 120.000 euros dentro da Liña 2 do Plan Concellos, dirixidas ao pago de débedas, gastos correntes e actividades culturais.
Ademais, deu luz verde ás bases para que os concellos con oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas opten a subvencións da institución para contratar a persoal este ano 2021, ás que se destinan 200.000 euros. O obxectivo desta axudas, cuxa tramitación adianta este ano a Deputación, é garantir unha rede de oficinas turísticas profesionalizada, e dotada de persoal con capacitación para, segundo explicou Carmela Silva, "poder seguir a traballar por un sector que é fundamental e que todos esperamos se poida recuperar canto antes".
Relacionadas:
-
Aproban por unanimidade aumentar en 1,6 millóns de euros as axudas para os sectores afectados pola pandemia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP di que as axudas da Deputación "chegan tarde e son totalmente insuficientes"
Por Oskar Viéitez |
-
"Momentos Rías Baixas", unha campaña adaptada á evolución das posibilidades de viaxar
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Mellorarán a seguridade peonil na estrada de Sisán e solucionarán os problemas de empozamento
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a destinar o 1% do orzamento a axudar á hostalería e o turismo
Por Redacción |
-
Pontevedra volve "tender a man" e pide "altura de miras" para un acordo entre administracións para axudar á hostalería
Por Natalia Puga |
-
Sen acordo na xuntanza a tres bandas para consensuar unha liña conxunta de axudas
Por Redacción |