100 Montaditos, a primeira gran marca da hostalería que pecha en Pontevedra por la pandemia
Por Manu Otero
A taberna 100 Montaditos desaparece de Pontevedra vítima da crise sanitaria e económica da pandemia da covid-19. Este establecemento situado nun emblemático inmoble da Rúa Real bota o peche como consecuencia das restricións á actividade que afectan o sector hostaleiro.
O toque de graza que precipitou a súa liquidación foi a limitación de apertura ata as 17 horas. "A nosa quenda forte eran as merendas e as ceas. Nas comidas non traballabamos tanto. No momento no que só permiten abrir ata as cinco, xa nin o pensaron", revelan fontes do plantel de traballadores dun local que, ata o momento do seu peche mantiña en nómina, aínda que en ERTE, a catro traballadores.
Oito persoas compoñían o persoal antes do estalido da pandemia.
Apuntan fontes do persoal que o que motivou o peche foi a acumulación de gastos e facturas que facían inviable o negocio, propiedade do mesmo empresario do 100 Montaditos de Santiago, que aínda permanece activo. Alugueiro, facturas, persoal e materias primas son desembolsos demasiado elevados para mantelos cando os ingresos caen a cero. "Estaban a acumularse perdas e decidiu pechar", asumen con comprensión os xa ex traballadores.
Á marxe da viabilidade do establecemento nestas circunstancias, o persoal destaca a dificultade da xestión diaria do local nun escenario de normativas tan cambiantes. "A xestión dos alimentos non é nada fácil, os frescos teñen que estar conxelados ou refrixerados, teñen uns tempos e unhas caducidades que non se pode estar a contar con abrir agora si, agora non porque se perde moito diñeiro. Á hora de aplicar as restricións non están a ter isto en conta cando avisan, para abrir ou pechar, dun día para outro", protestan desde o grupo de traballadores.
Esta problemática afecta en xeral a todo o colectivo da hostalería. Pero no caso desta franquía, "que a materia prima tráenola un provedor en concreto e non se pode ir á carnicería a comprar xe quilos de carne picada", a situación tórnase aínda máis insostible.
Maior planificación e facilitar a adaptación do sector á actual situación de pandemia en lugar de pechalo por decreto é unha das reivindicacións do colectivo hostaleiro que a pasada semana manifestouse de forma masiva en diferentes cidades de España. A hostalería pontevedresa estivo o venres en Santiago acompañando a compañeiros doutras cidades de Galicia nunha marcha que rematou fronte á sede da Xunta á que lle rogan que os deixen traballar.
A pandemia non dá tregua, os hospitais galegos están cada vez máis saturados, pero uno dos motores económicos do país leva meses vivindo coa auga ao pescozo. As consecuencias en forma de peches, paro e prexuízo para os provedores que viven da hostalería son cada vez máis graves e notorios.
Co peche de 100 Montaditos, aberto desde o 2013 na capital, Pontevedra perde unha das grandes marcas do país, que pasa a engrosar a lista dos máis de vinte pequenos locais que a covid-19 levou por diante.
PontevedraViva tratou de poñerse en contacto co grupo empresarial que xestiona as franquías de 100 Montaditos para coñecer, desde o punto de vista empresarial, as razóns que conduciron ao peche do local en Pontevedra. Con todo e polo momento, non se recibiu resposta.
Relacionadas:
-
Os altos prezos do alugueiro e a inflación están detrás do ocaso comercial da praza de Curros Enríquez
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Pontevedra perderá o 50% da súa hostalería antes do verán se non chega o rescate ou a reapertura
Por Manu Otero |
-
Pontevedra volve "tender a man" e pide "altura de miras" para un acordo entre administracións para axudar á hostalería
Por Natalia Puga |
-
Non haberá "portelo único" para as ayudas do plan de rescate á hostalería
Por Redacción |
-
Unión da hostalería galega para alzar a voz por un rescate
Por Manu Otero |