Caldas apela á "responsabilidade" cidadá ante unha incidencia "disparada" da covid-19
Por Redacción
Ata 61 casos activos por covid-19 ten Caldas de Reis nestes momentos. A terceira vaga da pandemia está azoutando con forza o municipio, onde a incidencia acumulada a 14 días xa supera os 600 casos por cada 100.000 habitantes.
Ante esta situación, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, fixo un chamamento á "responsabilidade individual" dos cidadáns como "conduta a seguir" para poder "dobregar canto antes" a cadea de contaxios que afecta á vila termal.
Apelou a cumprir "estritamente" as normas sanitarias decretadas facendo especial fincapé en que se reduzan os contactos interpersoais con persoas non conviventes e que se saia dos domicilios unicamente para cuestións esenciais.
O rexedor lembrou tamén que segue activo un peche perimetral individual e que non se pode entrar ou saír de Caldas agás por causas de primeira necesidade e debidamente xustificadas.
O alcalde agarda que Caldas se estea achegando ao pico da curva nesta terceira vaga e, no caso de que os contaxios sigan aumentando, non descarta solicitarlle á Consellería de Sanidade un cribado masivo para detectar persoas asintomáticas e frear a expansión do virus.
SERVIZOS EXTRAORDINARIOS
Con respecto á situación actual, Caldas recorda que hai habilitado un servizo extraordinario de atención domiciliaria dirixido a persoas contaxiadas e as súas familias, a maiores dependentes ou persoas que vivan soas e, en xeral, a calquera cidadán que precise axuda.
Todo cidadán nesta situación, sexa o motivo que sexa, pode chamar aos teléfonos 609 829 292 (Policía Local) ou 986 191 958 (Protección Civil) que permanecerán activos as 24 horas.
Entre os servizos prioritarios que se ofrecen están a entrega a domicilio de alimentos ou outros bens de primeira necesidade, a entrega de medicamentos, a xestión de residuos domésticos ou o traslado de persoas dependentes.
Ademais, tamén se reforzou a atención no departamento de Servizos Sociais onde se mantén un seguimento permanente das veciñas e veciños maiores en situación de vulnerabilidade para atender as súas posibles necesidades.
O alcalde tamén recordou que o Concello segue distribuíndo xel hidroalcohólico e outro material de protección a todos os establecementos comerciais que permanezan abertos e o soliciten, así como máscaras a aquelas persoas e familias en situación de vulnerabilidade.