Máis de 8.000 escolares participaron este 2020 en actividades do Plan Revitaliza
Por Redacción
As propostas do Plan Revitaliza destinadas a escolares chegaron este 2020 a máis de 8.000 menores da provincia, a pesar das circunstancias marcadas pola pandemia. Desde a Deputación Provincial, tanto a presidenta Carmela Silva como o vicepresidente César Mosquera consideran un éxito estes resultados.
A pesar de que o terceiro trimestre do pasado curso non foi operativo, celebráronse 420 talleres para 9.628 menores e no primeiro trimestre do actual curso realizáronse 138 actividades destinadas a 2.055 escolares.
Durante o cuarto Encontro de Educación Ambiental sobre compostaxe celebrada este venres tratáronse estes datos nunha cita que se realizou de maneira telemática coa participación de centros de ensino de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda.
Carlos Vales, director do Ceida (Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga), destacaba a adaptación das persoas encargadas de trasladar as ideas do programa Revitaliza nos colexios. E aseguraba que cando se recupere a normalidade realizarase un esforzo para potenciar esta iniciativa.
César Mosquera, impulsor do plan Revitaliza no ano 2015, entende que o traballo nas escolas é básico para que o plan de compostaxe se instale con éxito en toda a provincia. Afirmou que o programa está a ser un exemplo na Unión Europea e noutros ámbitos internacionais.
Tamén a presidenta provincial Carmela Silva recoñeceu o traballo desenvolvido polo Ceida ao entender que é un instrumento fundamental para trasladar este proxecto aos centros de ensino para que se estableza un compromiso entre a mocidade e cambiar hábitos no tratamento dos residuos.
Durante a sesión, mostráronse os traballos realizados a través de vídeos gravados durante as últimas semanas en relación co coidado da natureza, a reciclaxe e a compostaxe. Entre os centros, atopábase o E.E.I. Verducido de Pontevedra, que participa no Programa Educativo desde o principio e cuxo alumnado falou dos composteiros situados no colexio e da horta creada.
O C.E.P. Plurilingüe Riomaior de Vilaboa, que tamén se atopa totalmente involucrado no Plan Revitaliza, creou a Cooperativa Riomaior para realizar artesanías cos refugallos e obter diñeiro para autofinanciar as súas actividades, doando a ONGs o resto do recadado co seu proxecto.
Relacionadas:
-
Novas sesións sobre compostaxe nos centros educativos
Por Redacción |
-
A pandemia tamén "complicou" os plans da Deputación para implantar a compostaxe
Por Oskar Viéitez |
-
O Plan Revitaliza volve ás aulas tras as festas con obradoiros didácticos sobre compostaxe
Por Redacción |
-
2020 remata con 47 concellos da provincia adheridos á compostaxe do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
Escolares de Salcedo, Xeve e Bueu aprenden a compostar xogando
Por Redacción |
-
A campaña Efecto PO2 chegará aos máis pequenos
Por María José Pita |
-
Vilaboa, O Grove e Mondariz Balneario, exemplos para toda España de boa xestión de compostaxe
Por Redacción |