Preocupación en Cerdedo pola ausencia "periódica" de médico no centro de saúde
Por Redacción
No centro de saúde de Cerdedo, desde hai tempo, a atención médica non é a máis axeitada. Os usuarios denuncian a ausencia "periódica" dun facultativo que os atenda e das queixas vén de facerse eco o alcalde, Jorge Cubela, que demanda unha solución ao Sergas.
Este problema está motivado, segundo o goberno municipal, pola falta de coordinación para cubrir axeitadamente a non presenza do persoal facultativo neste consultorio sanitario.
De aí que Cubela reclame ás autoridades sanitarias que garantan a atención médica aos veciños e veciñas de Cerdedo que se ven inmersos nunha "situación incómoda e moitas veces sobrevida" e que impiden que teñan unha atención sanitaria "eficiente" como corresponde.
O alcalde entende que se poidan producir "imprevistos" ou que os médicos teñan días propios para atender as súas obrigas, dispor de horas sindicais (como é o caso do médico de Cerdedo), baixas por enfermidade, permisos ou mesmo vacacións.
"Pero o que non pode ser é que se produzan casos nos que hai 25 persoas citadas e non haxa médico que as atenda", engade o alcalde, que censura que a única solución que se lles dá aos afectados é que se trasladen ao centro sanitario máis próximo.
O Concello entende que a esa "improvisación" haille que poñer "remedio inmediato" porque os que saen prexudicados son os cidadáns, "que son alleos a calquera responsabilidade sobre este tema".
Os socialistas tamén levarán este asunto ao Parlamento galego para demandar ao Sergas que cubra as ausencias dos facultativos, especialmente nun momento tan grave como o que está a crear a pandemia da covid-19.
Engaden que se está a producir unha merma constante nos servizos sanitarios do concello, entre outras cousas, pola perda de pediatra e de matrona, a ausencia de ambulancia no PAC ou infraestruturas que non reúnen as condicións axeitadas.
Relacionadas:
-
Jorge Cubela reclama ao Sergas unha solución ás ausencias do persoal médico en Cerdedo
Por Redacción |
-
O PSOE pedirá no Parlamento de Galicia reforzar o persoal do centro de saúde de Cerdedo
Por Redacción |
-
Rexeitan a creación dunha nova sala de agarda no centro de saúde de Carballedo
Por Redacción |
-
Reforzan a Atención Primaria da área sanitaria de Pontevedra con dezasete novos profesionais
Por Redacción |