Unha liorta na rúa San Antoniño remata coa denuncia a un mozo por posesión de marihuana nun piso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Policía Nacional de Pontevedra levantou unha acta administrativa por posesión de substancias estupefacientes a un mozo veciño da cidade que na noite deste mércores foi localizado en posesión dunha pequena cantidade de marihuana. Máis aló da denuncia en si, o rechamante foi o contexto no que os policías detectaron esta irregularidade, pois todo ocorreu tras unha pelexa en plena rúa.
Pasadas as oito e media da tarde, a Policía Nacional acudiu á rúa San Antoniño tras ter constancia dun pelexa na vía pública. Á súa chegada ao lugar, os axentes localizaron un home que sangraba pola zona da boca e, tras entrevistarse con el, relatoulles que o agrediran dous mozos aos que coñecía polo seu mote ou nome de pila.
O mozo agredido relatou que pelexaron por un asunto relacionado co trapicheo de droga co que el non tería nada que ver. A pesar de que a lesión era evidente, non quixo presentar ningunha denuncia contra os seus agresores nin tampouco ser trasladado a un centro médico.
Os axentes que interviñeron neste incidente recoñeceron aos mozos presuntamente implicados na pelexa porque nos últimos tempos tiveron xa intervencións con polo menos un deles por trapicheos de droga. De feito, segundo fontes policiais, reside nun domicilio da rúa José Millán no que o pasado mes de outubro foron detidas dúas persoas. Converteran a vivenda, segundo a Policía Nacional, nun narcopiso.
Os axentes acudiron a esta vivenda e, unha vez alí, identificaron tres persoas. Un deles, un home, presentaba un corte nunha man que podería ser compatible coa agresión que presentaba o primeiro rapaz, pero este mozo relatoulles que se cortara mentres preparaba a cea.
Cando se atopaban na vivenda, os axentes percibiron un intenso cheiro a marihuana e, froito dun cacheo superficial, localizaron unha cantidade de marihuana. Ao novo quixéronlle levantar unha acta por consumo de substancias, pero non tiña documentación para poder identificalo, de modo que o trasladaron á Comisaría Provincial co fin de filialo e logo denuncialo pola vía administrativa.
A intervención demorouse durante máis de dúas horas na contorna da rúa San Antoniño e implicou a varias patrullas da Policía Nacional e, nun momento dado, tamén das policías Local e Autonómica. Estes últimos realizaron, en paralelo, unha intervención pola que denunciaron a dúas persoas por incumprir as normas ditadas para evitar a expansión da covid-19, que impiden en Pontevedra que se reúnan persoas non conviventes.