Detido con 119 doses de heroína un home que circulaba drogado cun ciclomotor sen ITV
Por Redacción
Ata 119 doses de heroína, repartidas en envoltorios de plástico, levaba consigo un home de 44 anos cando foi detido pola Policía Local de Pontevedra. É a maior incautación efectuada por este corpo municipal nun mesmo operativo.
Os feitos ocorreron o pasado venres 13 de novembro, contra as cinco da tarde. Unha patrulla da Policía Local detectou un ciclomotor pola rúa Rosalía de Castro, á altura da gasolineira de Mollavao, que tiña a ITV caducada segundo comprobaron por medios telemáticos.
Tras darlle o alto e requirirlle a documentación, o condutor comezou a mostrar un gran estado de nerviosismo e os axentes decidiron, como marcan os protocolos de actuación, facerlle un test para comprobar se consumira drogas. O control deu positivo en TCH e opiáceos.
Ante este resultado, os axentes rexistrárono e atoparon que tiña unha bolsa de plástico con papelinas de heroína preparadas para a venda, segundo acabou recoñecendo.
O detido deberá responder no xulgado de instrución de garda por un presunto delito contra a saúde pública na modalidade de tráfico de drogas.
Ademais, a Policía Local tramitou dúas denuncias ante Tráfico, por conducir baixo os efectos das drogas e ter a ITV caducada, e inmobilizou o ciclomotor polas infraccións cometidas.
Relacionadas:
-
A Policía Local detén dúas mulleres por tráfico de drogas
Por Oskar Viéitez |
-
Unha liorta na rúa San Antoniño remata coa denuncia a un mozo por posesión de marihuana nun piso
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un condutor sen carné, sen seguro e coa ITV caducada dá positivo en consumo de cocaína ao volante
Por Redacción |