Marín apela á responsabilidade cívica no depósito de residuos voluminosos cunha campaña de concienciación
Por Redacción
O Concello de Marín vén de lanzar unha campaña de concienciación, a base da colocación dunha serie de vinilos e da transmisión da información a través das redes sociais oficiais, para lembrar á veciñanza cal é o procedemento a seguir no caso de querer desbotar algún residuo voluminoso.
Segundo o Concello, a xestión dos residuos de carácter voluminoso é unha responsabilidade colectiva na que tanto a veciñanza, a empresa de recollida, e o propio Concello teñen un papel fundamental para que sexa un servizo que funcione do mellor xeito posible.
É por iso, que os concelleiros de Medio Rural, Pablo Novas, e de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, reuníronse cun representante de Recolte para organizar esta campaña, cuxo impacto público xa comezará a ser visible nos colectores da vila a partir da semana que vén e que pretende evitar verquidos descontrolados tanto no casco urbano como no rural.
De feito, o Goberno local asegura que se está a realizar un intenso seguemento dos verquidos incontrolados que se detectan, tanto os non domésticos como aqueles que se sospeitan que teñen a súa orixe fóra do termo municipal.
Tal e como se poderá ler nos vinilos da campaña como nas redes sociais e na pantalla LED informativa do Concello, antes de deixar os depósitos na rúa é obrigatorio chamar ao 900 102 580, en horario de 09.00 a 13.00 horas. Neste teléfono, indicarase ao carón de que colector é preciso deixar eses voluminosos, que pasarán ser recollidos por Recolte.
Así mesmo, o Concello lembra que, segundo se recolle na Ordenanza Xeral de Protección Medio Ambiental, cometer infracións desta índole pode conlevar multas de até 3.000 euros e destacan o "bo funcionamento deste servizo", evidenciable coas cifras que a empresa avaliou na reunión con Sanmartín e Novas. En todo o termo municipal, nos últimos dous meses, recolléronse máis de 30 toneladas de residuos. Sobre todo, correspondéronse con madeiras, ademáis de RAES (residuos de tipo electrónico) e escombros de obra.
Por outra banda, a brigada de Obras do Concello de Marín rematou durante a mañá deste venres unha serie de actuacións na contorna do colexio de Seixo, consistentes na reparación de marxes e cunetas, que permitirá evitar situacións de perigo e de incomodidade na chegada do alumnado ao centro educativo.
Esta actuación é a última dunha batería de diferentes traballos que se veñen realizando nos centros, algúns con obxectivo de poder axudar aos colexios a adecuarse ás novas esixencias enmarcadas na situación sanitaria que estamos a atravesar por mor da covid-19.
Dentro delas, ademais da recentemente rematada en Seixo, destacan a habilitación dun novo paso de peóns na Rúa Camiño Vello do Cemiterio, demandado polo IES Illa de Tambo, para facilitar unha das entradas extra que tiveron que habilitar de tal xeito que se poida reorganizar o fluxo de alumnado que acode diariamente ás instalacións.
Asímesmo, e tamén por petición do IES Mestre Landín, leváronse a cabo traballos de pintado e sinalización, que tamén serán aproveitados polo equipo directivo para organizar con maior seguridade e facilidade as entradas e saídas ao instituto.
Con todas estas actuacións "damos resposta ás demandas que van xurdindo por parte dos centros, colaborando con eles en todo momento para que poidan organizar e coordinar este curso, que ten dificultades engadidas debido á situación sanitaria", afirman fontes municipais.
Relacionadas:
-
Piden civismo para loitar contra os vertidos de residuos voluminosos
Por Redacción |
-
Nova campaña de concienciación sobre a recollida de voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Crece a recollida de residuos voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Varias escolas de Marín súmanse ao servicio de comedor
Por Redacción |
-
Marín apura as melloras nos colexios públicos
Por Redacción |
-
Rematan as obras de mantemento no colexio de Seixo
Por Redacción |