Piden civismo para loitar contra os vertidos de residuos voluminosos
Por Redacción
As continuas campañas de concienciación para desfacerse de enseres de gran tamaño están a ser insuficientes no Concello de Marín. "Seguen a darse verquidos descontrolados deste tipo de residuos, que ademais de ser un foco de suciedade, supoñen un impacto negativo na estética pública, tanto no centro urbán coma no rural", explican dende o goberno local.
Pero desde fai un tempo, Marín conta cunha empresa que se encarga de recoller os enseres voluminosos e manter o espazo urbano ordenado e limpo, por iso queren recordar aos veciños que poden chamar ao número de teléfono gratuito, o 900 102 580, cando necesiten desfacerse de algo. Só teñen que chamar para avisar e terán que depositar no colector indicado pola empresa o día que se lles diga, para que así sexa recollido o máis rápido posible.
"Pedimos á veciñanza que teña conciencia cívica neste sentido. Sabemos que moita xente cumpre, chama ao teléfono e segue as indicacións, pero aínda hai focos de verquido que supoñen un importante problema", explicou a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín. Ademais, recorda que o feito de ter que atender verquidos que non están avisados afecta á calidade total do servizo, dado que se poden producir retrasos na atención daqueles depósitos que si se fan cumprindo co protocolo.
Por outra banda, desde a Concellaría destacan os bos datos da vila en canto á recollida separativa. Segundo datos aportados por Ecoembes a principios de ano, a porcentaxe de residuos que acaban no colector amarelo erróneamente sitúase no 45%, baixando do 65% rexistrado no 2011, mentres que, no que respecta ao papel e cartón, produciuse un aumento de case un 90% en comparación coas marcas dos últimos anos.