O PP denuncia que o Servizo de Axuda no Fogar ten listas de espera "de máis de 30 días"
Por Redacción
A inspección rutineira da Xunta que puxo ao descuberto, segundo o Partido Popular, "pagos irregulares" á concesionaria do Servizo de Axuda ao Fogar, Clece, unha filial do grupo ACS, tamén detectou, din os populares, "significativos defectos" nesta prestación social. En concreto, denuncian que os usuarios deste servizo están sometidos a listas de espera superiores aos trinta días.
Así mesmo, aseguran que a acta de inspección declarou que as persoas dependentes non acceden directamente ao servizo dado que a empresa lles obriga a realizar unha solicitude previa a súa alta no programa, "un proceso de admisión ante unha compañía privada que se suma ao que xa teñen que superar ante a Administración".
O grupo municipal do PP vén de solicitar por escrito ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores que informe, igualmente por escrito, sobre o número de persoas que se atopan hoxe en lista de espera para recibir a prestación.
A demanda popular chega poucas semanas despois de que denunciara "non só a gravidade de que se pagaran case 38.000 euros de máis de fondos do Concello á filial de ACS polo Servizo de Axuda ao Fogar (SAF) desde como mínimo novembro de 2011", senón tamén de que alertara de que os usuarios, basicamente persoas maiores ou con autonomía limitada, "tiveran igualmente que desembolsar cartos por unha prestación que non recibiran".
O exame da inspección da Xunta, segundo a concelleira María José Rodríguez, detectou que "non se estaba a reflectir na facturación a diminución do servizo nos días non laborais e cobrábase por todos os festivos tanto á Administración como aos beneficiarios na porcentaxe de copago que lles tocaba".
Ademais a concelleira María José Rodríguez denunciara tamén daquela a perda doutros 37.000 euros das arcas municipais por pagos en concepto de IVE do SAF superiores ao estipulado. As irregularidades levaron entón ao PP a solicitar a intercesión do alcalde para que se devolveran aos usuarios os cartos desembolsados indebidamente á empresa.
Relacionadas:
-
Rodríguez Teso (PP): "Las políticas sociales no parecen ser una prioridad del Gobierno local"
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
A concelleira de Benestar Social acusa o PP de mentir e manipular nas críticas ao Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
O PP denuncia que o goberno local oculta a listaxe de espera do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
Goberno e oposición enrédanse polo pagamento dunhas facturas por servizos de axuda no fogar que non se prestaron
Por Oskar Viéitez |