Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción
O Concello de Pontevedra poderá prestar 6.000 horas máis do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), unha atención suxeita á Lei de Dependencia sobre a que o Goberno local e o Partido Popular levan intercambiando acusacións varios meses.
Segundo informou o Concello, este mesmo luns recibiron autorización para aumentar estas horas de servizo, un incremento para o que pediran permiso en febreiro de 2013 en función da importante demanda cidadá que tiña este servizo.
As 6.000 novas horas permitirán incrementar o servizo de 27.500 a 33.000 horas. Segundo as estimacións da concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, este aumento permitirá incorporar ao SAF da Lei de Dependencia entre 12 e 14 novos usuarios este mesmo ano.
O Servizo de Axuda no Fogar suxeito á Lei de Dependencia está cofinanciado entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, e o Concello de Pontevedra. O aumento de horas suporá un orzamento total de 494.340 euros, dos cales 320.000 euros serán aportados pola Xunta e 174.000 euros polo Concello.
A concellaría considera esta autorización da Xunta unha boa noticia, aínda que critica que tardase máis de un ano en decatarse do "evidente incremento de usuarios susceptibles de acollerse á Lei de Dependencia".
Relacionadas:
-
O servizo de axuda no fogar sumará 60 novos usuarios en Pontevedra
Por Redacción |
-
Desbloquean expedientes de Risga e axudas de emerxencia pendentes dende 2013
Por Redacción |
-
A concelleira de Benestar Social acusa o PP de mentir e manipular nas críticas ao Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
O PP denuncia que o goberno local oculta a listaxe de espera do Servizo de Axuda no Fogar
Por Redacción |
-
O PP denuncia que o Servizo de Axuda no Fogar ten listas de espera "de máis de 30 días"
Por Redacción |
-
Goberno e oposición enrédanse polo pagamento dunhas facturas por servizos de axuda no fogar que non se prestaron
Por Oskar Viéitez |