O Concello esixe a Educación manter o ciclo de Primaria na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño
A pretensión de Educación de suprimir a liña de educación primaria na escola de Verducido está a xerar numerosas protestas da comunidade educativa. A este rexeitamento vén de sumarse o goberno municipal de Pontevedra.
Carme da Silva, que actuou este luns como portavoz, explicou que o Concello acordou reclamar ante a Xunta de Galicia que se manteña este ciclo na escola de Verducido, lamentando que este anuncio "se repita ano tras ano con bastante incidencia".
O goberno municipal entende isto provoca que cando pais e nais teñen que buscar escola para os seus fillos, "se hai unha que ten ameaza de peche pois haberá menos demanda para escolarizar alí os rapaces", unha situación que despois se usa como "xustificación para pechar a escola", o que para Da Silva "é unha pescada que morde a cola".
A concelleira tamén fixo fincapé en que a comunidade educativa de Verducido ten un proxecto educativo integrador que está a acadar "moitísimos éxitos" e engadiu que "non se poden pechar escolas no rural" nun momento en que ratios pequenas de alumnado "garanten mellor" o desenvolvemento "con normalidade" do próximo curso escolar.
O próximo curso, defenden desde o Concello, vai estar marcado pola necesidade de espazo, recursos e persoal para atender o alumnado nas "mellores condicións" de seguridade, hixiene e loita contra a pandemia da COVID-19.
"Cando máis preciso é manter servizos no rural na loita contra o despoboamento, cando máis se precisa apostar por unha escola pública de calidade e cando máis espazo e medios se precisan, non se entende o peche de unidades educativas", engade o goberno municipal.
Relacionadas:
-
Educación reabrirá Primaria na escola de Verducido de maneira "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
A xustiza ordena a Educación reabrir a unidade de Primaria pechada na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas reclaman á Xunta que manteña aberta a escola unitaria de Verducido
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Verducido mobilízase contra o peche de Primaria na súa escola unitaria en plena pandemia
Por Redacción |