Carballedo, Tenorio e Cerdedo contarán cun programa de conciliación en agosto
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade activa un programa especial de conciliación e deporte con quendas en Carballedo, Tenorio e Cerdedo. A actividade oriéntase a axudar ás familias do municipio no coidado dos nenos, especialmente no caso daquelas que non dispoñan de ningunha alternativa no tempo de verán.
O Concello detectou que existe unha demanda de pais e nais cara a este servizo de conciliación e, malia a situación sanitaria, acordaba organizar esta actividade co cumprimento de todas as medidas de seguridade, que pasan, entre outras, por limitar o número de prazas.
Este programa especial de conciliación vai abrir a súa inscrición entre os días 13 e 24 do presente mes de xullo e poderá formalizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Carballedo ou nos departamentos de Servizos Sociais da capital municipal e da sede administrativa de Cerdedo.
Desde o Concello lémbrase que esta actividade está orientada exclusivamente a rapaces e rapazas de entre 5 e 13 anos de idade empadroados no municipio e na selección, en caso de que a demanda supere a oferta, primarase ás familias monoparentais ou aquelas nas que traballen os dous proxenitores.
O programa de conciliación desenvolverase do 3 ao 21 de agosto, ao longo de quince xornadas, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 horas. O programa descentralizarase e contará con quendas en Carballedo, Tenorio e Cerdedo dotadas con 15 prazas, cada unha.
Esta cifra permitirá atender ás necesidades das familias e facilitar que se respecte a distancia interpersoal dos nenos nos xogos e prácticas deportivas. As actividades desenvolveranse sempre ao aire libre nas inmediacións dos pavillóns municipais e só se empregarán estas instalacións a cuberto en caso de meteoroloxía adversa.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explica que dende o goberno local son moi reacios a que, polo momento e durante este verán, se organice calquera tipo de actividade, festa ou evento que implique concentración de xente, "pero tamén é certo que hai que seguir vivindo e traballando para adaptarnos á nova normalidade e reactivar a economía e iso xenera unha necesidade na área de conciliación que imos resolver en beneficio dos nosos veciños que se atopen nesta situación e que se fará cun escrupuloso cumprimento da normativa sanitaria para que os nosos nenos estean seguros e ben atendidos", concluía o rexedor.