As ludotecas de Poio adáptanse ás medidas anti covid-19

Por Redacción
O Concello de Poio porá en marcha, un verán máis, os programas Campaverán, Raxóverán e o Espazo Concilia, destinados a nenos de idades comprendidas entre os tres e os doce anos. Os dous primeiros están organizados pola Concellería da Educación, mentres que o último é xestionado polo departamento de Igualdade. As bases destas iniciativas foron aprobadas na Xunta de Goberno de Local deste martes.
O Goberno local mantén a súa aposta á hora de facilitar ás familias de Poio fórmulas para poder conciliar a súa vida laboral durante os meses de verán.
As concelleiras responsables destas áreas, a nacionalista Raquel Rodríguez e a edil de Avante, Silvia Díaz, entenden que ofrecer este servizo á veciñanza "faise agora máis necesario ca nunca, toda vez que a problemática para a conciliación viuse acentuada pola crise sanitaria da Covid-19. Entendemos que hai que impulsar e garantir mecanismos que faciliten a recuperación da economía familiar no noso municipio, logo da merma sufrida nos últimos meses por mor do confinamento".
As ludotecas, que se ofrecerán exclusivamente a familias de Poio, cumprirán de xeito estricto con todas as medidas hixiénicas, de distanciamento e sanitarias que marcan as autoridades competentes, limitándose o número de prazas e apostando por espazos que axuden a garantir estes requisitos. As persoas interesadas en solicitar praza poderán realizar as tramitacións presencial ou telematicamente no Rexistro Xeral do Concello de Poio.
Con respecto ao proceso de inscrición, á hora de adxudicarse as prazas teranse en conta baremos no que primará a situación laboral e sociofamiliar dos solicitantes. Así, obterán máis puntuación aquelas familias nas que os dous proxenitores traballen ou as monoparentais. As bases destas iniciativas poranse a disposición da cidadanía na páxina web do Concello.
CAMPAVERÁN E RAXÓ-VERÁN
A actividade terá lugar entre o 1 de xullo e o 31 de agosto e dividirase en dúas quendas mensuais (do 1 ao 15 de xullo, do 16 ao 31 de xullo, do 1 ao 15 de agosto e do 16 ao 31 de agosto). Ambos serán de luns a venres (excepto festivos), sendo o Campaverán en de 7.30 a 15.00 horas e o Raxó-verán de 9.00 a 14.00 horas.
Con respecto ao número de prazas, Campaverán ofertará 100 en cada quenda de xullo e 60 en cada quenda de agosto. As actividades terán lugar nos CEIPs Chancelas e o Isidora Riestra, onde se dividirán grupos por separado. Raxo-verán oferta 30 prazas en cada unha das quendas de xullo e agosto, e terá lugar no CEIP Espedregada de Raxó. O prezo de inscrición será de 30 euros por quenda para Campaverán e de 25 para Raxóverán. Realizaranse descontos en función do número de cativas e cativos anotados por familia. O prazo de presentación de solicitudes abrirase este mércores 10 de xuño.
ESPAZO CONCILIA
O programa organizado pola Concellería de Igualdade ofertará 30 prazas e desenvolverase entre o 6 de xullo e o 9 de setembro, de luns a venres, entre as 8.30 e as 14.30 horas. Este ano, as actividades trasládanse ao CEIP Viñas. O prazo de presentación de solicitudes abrirase este xoves 11 de xuño e pecharase o día 18. Con respecto ás tarifas, será de 25 euros ao mes para xullo e agosto e de 10 para o período de setembro.
Relacionadas:
-
O Espazo Concilia de Poio vive unha xornada ao aire libre no Pazo de Besada
Por Redacción |
-
Aberto o prazo de inscrición para as ludotecas de verán en Poio
Por Redacción |
-
O Espazo Concilia de Poio inicia a súa actividade estival
Por Redacción |
-
Póñense en marcha as ludotecas de verán do concello de Poio
Por Redacción |
-
Aínda quedan prazas libres para Campaverán, Raxó-Verán e o Espazo Concilia
Por Redacción |
-
O Grove acondiciona a praia de Peralto e prepara un plan de conciliación para o verán
Por Redacción |
-
Ameazan con demandar a Educación se non cede os colexios para as ludotecas de verán
Por Redacción |
-
"Non solicitou a autorización para montar as ludotecas", resposta de Educación ás criticas do Concello
Por Redacción |
-
Tino Fernández acusa á Xunta de xogar coa conciliación de máis de 2.000 familias boicoteando as ludotecas
Por Redacción |