O Grove acondiciona a praia de Peralto e prepara un plan de conciliación para o verán
Por Redacción
Este martes comezaban os traballos de preparación da praia de Peralto, no casco urbano do Grove, con vistas á temporada de verán. Este acondicionamento era necesario pola cantidade de area que se acumulara na zona superior durante o inverno.
Houbo que agardar ao permiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para realizar esta intervención nesta pequena praia urbana, situada ao lado do paseo marítimo e fronte á Illa da Toxa.
A intervención consiste nun movemento de area que permita repartir a que se foi acumulando nos pasados meses na parte superior da praia cara á zona inferior, para igualar o areal e evitar as irregularidades na zona de firme máis próxima á liña de auga.
Estes traballos executaranse en dous días e supoñen unha acción máis dentro do programa de recuperación posto en marcha polo Concello do Grove para mellorar e limpar os espazos urbanos tras o confinamento.
A praia de Peralto soe acoller a público familiar, dado que é moi segura para os nenos e está en pleno casco urbano.
CAMPAMENTOS E LUDOTECAS DE VERÁN
Precisamente, coa mirada posta nas familias, o Concello do Grove está a estudar opcións para facilitar a conciliación familiar ante a imposibilidade de manter os habituais campamentos. Segundo manifestan fontes muncipais, "as ludotecas de verán, tal e como se tiñan organizado ata agora, non son factibles garantindo as medidas de seguridade e hixiene requiridas".
Estas actividades, que tradicionalmente se organizaban nos meses de xullo e agosto, acollían ata 100 rapaces e organizábanse, en quendas de 15 días, nas instalacións dun dos colexios públicos da localidade. Segundo se informa desde o Concello "a normativa actual esixiría grupos super reducidos, o emprego de máscaras e variar a programación de actividades evitando o contacto da rapazada". Ante a imposibilidade de poder adaptar a actividade, neste 2020 cancelouse o programa de ludotecas e campamentos de verán.
Con todo, o Goberno local "é consciente de que esta actividade era fundamental para contribuír á conciliación laboral das familias, polo que se está traballando para lle dar unha alternativa segura e eficaz ao programa de campamentos".
Desde o Concello do Grove estanse considerando propostas e nos vindeiros días ten previsto informar dos programas que se poñan en marcha.
Relacionadas:
-
O Grove pecha a billa da auga nas praias tras detectar un uso "abusivo e inadecuado"
Por Redacción |
-
O Grove estuda instalar cámaras nas praias para frear os episodios vandálicos
Por Redacción |
-
O Grove entrega 250 máscaras protectoras á xente moza do municipio
Por Redacción |
-
A adxudicación de servizos para as praias do Grove redúcese a un ano ante a "nova normalidade"
Por Redacción |
-
As ludotecas de Poio adáptanse ás medidas anti covid-19
Por Redacción |
-
A metade das bandeiras azuis en Galicia ondearán en praias de Pontevedra
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Grove reabre as súas instalacións deportivas
Por Redacción |
-
O Grove 'lava a cara' do seu casco urbano tras o confinamento
Por Redacción |