A compostaxe aumentou un 28% as taxas de reciclaxe nos "Concellos Revitaliza"
Por Redacción
Os "Concellos Revitaliza" aumentaron ata nun 28% as súas taxas globais de reciclaxe ao incorporar a compostaxe no seu modelo de xestión do lixo. Así se desprende do informe realizado polo persoal técnico do plan provincial feito público co gallo da celebración do Día Mundial da Reciclaxe que se conmemora o 17 de maio.
Segundo sinala o deputado responsable do Revitaliza, Uxío Benítez, os datos recabados demostran a importancia de xestionar a fracción orgánica, xa que supón máis da metade da bolsa do lixo que xera cada cidadá, e de facelo "en proximidade", sen ter que trasladala. "O Revitaliza está a ter resultados moi rápidos, xa que apenas leva dende 2015 en funcionamento. Estamos despegando e cando a aplicación sexa global e extensiva, as cifras aínda serán moito mellores tanto en volumen de reciclaxe como en redución de custes, ademais de en beneficios ambientais", subliñou. "Será unha verdadeira Revolución Revitaliza", engadiu.
O Revitaliza está a ser un modelo contrastado que incluso están a exportar outros territorios e institucións logo de ter estudado a súa viabilidade, polo que –según dixo Benítez-, os seguintes concellos que están iniciando a implantación global do modelo na provincia (Poio, Tomiño, Valga e Illa de Arousa) poderán tamén ser dos máis punteiros se dan pasos con axilidade.
En canto ao número de instalacións do Revitaliza, o plan provincial rematou o ano 2019 con 44 concellos adheridos, 127 centros de compostaxe comunitaria instalados, e preto de 5.550 composteiros individuais repartidos.
O obxectivo máis ambicioso, tendo en conta que os datos e as necesidades vanse multiplicando, é chegar ao final deste exercicio con 250 centros instalados, así como con 13.000 composteiros individuais entregados á cidadanía. De conseguirse a súa posta en marcha, isto faría que as cifras reais de toneladas de residuos orgánicos tratadas se duplicaran.
Nestes últimos días, hai que lembrar, instaláronse centros de compostaxe comunitaria en Marín, Baiona, Meis e Cuntis, ademais de ampliar os xa existentes en Gondomar e Portas.
Segundo os datos do informe provincial, os concellos máis avanzados do plan da Deputación (Vilaboa, As Neves, Mondariz e Mondariz Balneario) son nestes momentos os municipios mellor preparados da provincia, de Galicia e incluso do Estado para cumprir as esixencias de reciclar o 50% dos seus residuos a finais de ano. A entrada en xogo no ano 2015 do plan provincial -no que algúns deles incorporaron aínda máis tardíamente-, fixo que se producise unha 'revolución Revitaliza', pasando de taxas ínfimas a superar amplamente o 30% do lixo para reciclar. Pola contra, a media no resto dos concellos de Galicia, incluso dos mellor preparados, está uns vinte puntos por abaixo, ao redor do 10% e nalgúns incluso no 5%.
No caso do Grove e Pontevedra (sen subvención económica do Revitaliza), índa que tamén melloraron significativamente en termos absolutos non o fixeron tanto porcentualmente xa que teñen un menor grao de implantación de centros de compostaxe comunitaria e composteiros individuais en relación á súa poboación. O Grove está no 23,36% de reciclaxe do total de residuos fronte ao 18% de 2016; e Pontevedra está no 11,29% de reciclaxe, detraéndose para compostar o 1,74%.
Dase a circunstancia de que nestes momentos estase a incrementar o número de achegas aos centros de compostaxe que utiliza a cidadanía xeral, se ben están case 'conxelados' os que dan servizo ao sector da restauración. O aumento é tal que a media estase duplicando e nalgunhas instalación os restos orgánicos deixados pola veciñanza incluso cuadriplican os contabilizados en periodos similares.
Como xa se anunciou no inicio da crise sanitaria, a compostaxe nos centros Revitaliza ten garantía de xestión segura, xa que as temperaturas que alcanza o lixo eliminan calquera patóxeno que puidera haber no lixo. Deste xeito, o risco de problemas e contaminacións é moito menor, segundo subliña o persoal técnico, que ao utilizar outros modelos de xestión.
Relacionadas:
-
O Grove instalará unha planta municipal de compostaxe xunto o Punto Limpo
Por Redacción |
-
Cuntis pon en marcha o novo programa de compostaxe individual coa distribución de 97 composteiros
Por Redacción |
-
Implantan en Pontevedra un proxecto piloto para impulsar a compostaxe doméstica
Por Alejandro Espiño |
-
A Escola de Capataces de Lourizán apúntase á compostaxe coa instalación dun centro comunitario
Por Redacción |
-
Sogama reciclou máis de 65.000 quilos de residuos sanitarios durante o Estado de Alarma
Por Redacción |
-
Cuntis xa ten o seu propio centro de compostaxe comunitario
Por Redacción |
-
Meis xa conta co seu primeiro centro de compostaxe comunitaria
Por Redacción |
-
A Deputación instala os primeiros centros de compostaxe do Plan Revitaliza en Marín
Por Redacción |
-
Cinco novos mestres composteiros incorpóranse a concellos das comarcas de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
VÍDEO.- No Día da Terra felicitan á cidadanía pontevedresa "polo ben que estades compostando"
Por Oskar Viéitez |